Ata onde chegan as miñas lembranzas, véxome de neno, de adolescente, de mozo e, inclusive, de adulto tomando as uvas na casa familiar ao ritmo marcado polas badaladas do centenario reloxo da madrileña Porta do Sol, sito na torre do edificio da Real Casa de Correos, retransmitidas pola televisión. Hoxe alberga a sede da Comunidade de Madrid, mais neses anos dos que falo era a da Dirección Xeral de Seguridade, onde tanta xente foi duramente torturada –mesmo ata a morte– durante a ditadura franquista.
Leo que a primeira retransmisión foi a de 1962, mais a primeira que eu vin foi a de 1963, ano no que entrou na nosa casa o primeiro televisor, un Anglo. Recordo, tamén, que aos cativos nos daban unha copa cun pouco de “champán” Codorniú, o que hoxe chamamos cava. Na casa nunca se bebía, agás nalgún día polas festas navideñas.
Non está nada claro de onde vén ese costume, tradición ou como lle queiramos chamar, de tomar as uvas coa chegada do novo ano. Hai versións que falan de que se trata dun costume español, concretamente madrileño, e outras que din que foi importado de Francia. Tampouco se sabe de cando se comezou a practicar. Na prensa atópanse noticias desde as décadas finais do século XIX, que se van incrementando xa no século XX. Dise que 1909 foi un ano de boa colleita e que o baixo prezo motivou a popularización. Mais, el será verdade? Nada claro está tampouco se o de ser 12 as uvas ten que ver coas badaladas ou cos meses do ano. E por aí.
Do que aconteceu na nosa cidade podemos atopar algo máis de luz.
A mediados de novembro de 1910 constituíuse en Ferrol o Club Recreativo, unha sociedade que tiña como obxecto celebrar “magníficos festivales, incluso bailes, y cuyos productos se destinarán al Hospital de Caridad para los fines benéficos del Santo Asilo”. Na directiva, que presidía D. Aniceto Cortés, figuraban como vocais D. Rafael Álvarez e D. Vicente Álvarez, tío avó e avó, respectivamente, do benquerido amigo de vello –e tanto, que xa case van aló 70 anos– Vicente Araguas. O baile inaugural celebrouno no Teatro Jofre o día de fin de ano dese 1910 e a prensa daba esta información:
“Cuando el reloj daba las doce, muchas parejas despidieron el año bailando la típica jota del país. Las jóvenes fueron obsequiadas á la expresada hora con lujosa bolsas, conteniendo racimos de uvas acarameladas” (El Correo Gallego, 2-I-1911). Nada di de tomalas ao son das badaladas, nin de que fosen doce, nin de que se tratase de algo tradicional.
De feito, na crónica desa festa de fin de ano celebrada, tamén no Jofre, ao ano seguinte, dise que “Las señoritas fueron obsequiadas con artísticos carnetes y lujosas bomboneras” (ECG, 1-I-1912). Nada se di das uvas, froitas que volven aparecer tres anos despois: “A las doce en punto la Junta obsequió a las damas con los tradicionales ramitos de uvas” (ECG, 1-I-1915), acompañadas dun “tradicionales”, que se converte en “clásicas” no seguinte fin de ano “A las doce se repartirán entre las señoritas las clásicas uvas” (ECG, 31-XII-1915).
Mais, visto o visto, de onde sairá o de tradicionais e clásicas? Moito sentido non se lle ve. Eu non llo vexo.
O que tampouco me parece clásico nin tradicional desta conmemoración é todo o lixo verquido contra Lalachús, a presentadora das badaladas deste ano na Televisión Española. Vergoñento.