Bonos activa comercio

A pesar de que, teoricamente, os consumidores poderíamos descargar os bonos de desconto da Xunta de Galicia o letreiro é claro: “Rexistro de usuarios pechado”.


Os bonos activa comercio era unha campaña que, inicialmente, ía descorrer entre o catro de novembro até o día de fin de ano. Pero, non foi así. En dous días os fondos aportados pola administración autonómica, de dous millóns e medio de euros, esgotáronse.


Seguramente, esta campaña autonómica acadou os obxectivos dos seus promotores políticos. Encheu os xornais, as radios e as televisións de noticias e fotos para eles. A Xunta poderá darnos os datos do retorno económico que, presumiblemente, parece que vai ir para o pequeno comercio. Tamén, é necesario saber quen realmente foron os beneficiarios finais. Se cumpren ser un comercio de proximidade ou se, ante a falta dunha maior regulación, son as grandes cadeas comerciais, as franquías ou as grandes marcas.


Ao comercio comarcal a campaña sábelle a pouco, o runrún di que eses bonos foron  como botar unhas gotas no deserto do Sáhara. O pequeno comercio resiste. Grazas ao seu bo produto, ao seu trato personalizado e á súa profesionalidade. Son un ben ao servizo do conxunto da cidadanía.

Bonos activa comercio

Te puede interesar