Somos pouca cousa diante da imponderable forza da Natureza. A ver: se por imponderable entendemos algo que non se pode prever resulta que para os tempos que corren a reacción da Natureza non é tan imponderable. Denantes si érao, chagaba, arrasaba collendo a todo o mundo desprevido. Hoxe os fenómenos atmosféricos se poden prever con tempo suficiente para protexerse dos seus embates, tanto é así que aténdose as recomendacións dos científicos nesta materia podemos minimizar ao máximo as consecuencias negativas da súa acción. Por que non se fai? Por que nos relaxamos ata o punto de poñer a nosa vida en perigo? Hai certas zonas no noso país que semellan más propicias para que estes fenómenos atmosféricos se dean con máis frecuencia. O Levante é unha delas, e as chamadas agora Danas, denantes Gotas Frías, visitan aquelas latitudes con máis frecuencia da desexada o que debería ter as autoridades coa garda preparada dados os antecedentes. Coller á xente desprevida é inaudito a estas alturas.
Chegou esta última Dana cun efecto devastador: máis de douscentos mortos e un feixe de desaparecidos foi o sinistro resultado do seu paso pola provincia de Valencia malia que se deron a tempo os avisos pertinentes que, polo que se ve, non chegaron á poboación de aí que a touro pasado uns e outros tenten pasarse a pataca quente botando man desa política de tan baixo nivel á que nos teñen acostumados algúns dirixentes. Si é verdade que en parte os tráxicos efectos desta Dana se puideron evitar avisando con tempo da súa chegada non é menos certo que nesa situación se quebra co equilibrio estratéxico de calquera persoa poñendo a proba a capacidade resolutiva que se lle supón a un político competente e responsable. Non todos poden con esa responsabilidade de aí que anden agora acusándose mutuamente do tremendo desaguisado, dando un deplorable exemplo de sálvese quen poida e a min que me rexistren.
Tampouco creo que fose axeitada a visita que os reis, o presidente do goberno e o da Generalitat fixeron á zona cero no intre preciso no que a desesperación da xente era máxima e o caos provocado pola necesidade urxente de axuda era patente. O que menos necesitaban era ver a estes personaxes camiñando pola lameira para se facer a foto de rigor mentres a xente desesperada loitaba por recuperarse como boamente podían. Ise non é xeito de facer política. Para algúns a foto é importante, levantar acta de que estiveron alí: lembro a Feijoó en mangas de camisa cunha mangueiriña cando os incendios asolaban a nosa terra. O caso é que, tanto en política como no meteorolóxico, chove sobre mollado.