Cóllolle prestado o título desta “Mirada” ao amigo Alfredo Conde que escribiu un libro sobre as súas relacións cun personaxe tan controvertido e peculiar como foi Manuel Fraga Iribarne que despois de morto segue a crear polémica, esta vez por mor da aplicación da Lei da Memoria Democrática que empraza á retirada de calquera símbolo ou manifestación que teña que ver coa exaltación do réxime ditatorial que estrangulou a este País perante más de corenta anos. E un símbolo desa ditadura, un representante dese réxime, foi sen dúbida, Manuel Fraga Iribarne que formou parte consubstancial dela, así que a proposta de retirar o seu nome dos rueiros, e o seu busto de bronce na súa vila natal, non é máis que cumprir con esta lei coa que, dito sexa de paso, algúns non están de acordo, como soe pasar.
Fraga Iribarne tivo a facultade camaleónica de pasar da ditadura á democracia nun abrir e pechar de ollos, de ser fascista a converterse en demócrata constitucionalista nun visto e non visto, pero hai unha premisa que conviña ter en conta: “non se pode ser demócrata se antes non se é antifranquista”. Esta frase non é miña, díxoa un amigo de Julian Grimau referíndose a Fraga logo que este asinara, cos seus colegas do Consello de Ministros presidido por Franco, a sentencia de morte que levou a Grimau fronte ao pelotón de fusilamento en abril de 1963.Tamén asinou a pena de morte para dous mozos anarquistas no mesmo ano, a garrote vil, no cárcere de Carabanchel. Fraga era partidario da pena de morte, cousa que non reparou en manifestar nun acto celebrado no Campus de Ferrol, ao que eu asistín xa en plena democracia, no que fixo unha alegación en defensa deste castigo “exemplar”. Fraga en estado puro, ese home do que dicían lle cabía o Estado na cabeza: o “seu Estado”, claro, no que entraban conceptos como aquel de “la calle es mía” . No ano 1976 acontece unha matanza en Vitoria que todos lembrarán sendo Fraga o responsable das chamadas forzas da orde. Xa falecera Franco, pero a praxe do seu legado semellaba estar incólume.
Pero o seu non disimulado franquismo semella non ser un atranco dabondo para que nas eleccións democráticas, un símbolo vivo da ditadura, chegara a ser elixido presidente da nosa Comunidade dende 1990 ata 2005. O seu ideario fascista non impediu que logo fose considerado, en modo demócrata, un dos pais da nosa Constitución. Mostra palpábel da capacidade de adaptación do personaxe ao medio.