Son fan do cartel e de todo aquilo que este soporte poida levar. A capacidade creativa artística sumada a un lema que sintetiza unha idea. Ben sexa cun obxectivo soamente comercial, político ou unha moxena irreverente que capte a nosa atención, dalgún xeito. Atraparnos, en definitiva. É certo que cada vez hai menos nas nosas rúas, á marxe das grandes vallas comerciais ou dos famosos “mupis”. O feito de “manter limpa a cidade” vai en detrimento do cartel, así como dese fillo pequeno que é o grafiti. Non me malinterpreten, toda esta actividade esixe uns criterios de calidade artística e literaria; se non, son simples borróns que para nada serven. O tradicional cartel ten a súa casa natural na prensa, ben como anuncio ou como caricatura humorística, e a imaxe deu unha variante moito máis abundante nos anuncios radiofónicos, televisivos e nas redes sociais. Asómbrame, se de verdade hai arte e un bo guión, esa capacidade de contar unha historia en vinte segundos. Son verdadeiros relatos curtos.
Castelao era devoto do cartel e do grafismo humorístico. A maiores, os seus diarios de arte están ao nivel de calquera intelectual europeo contemporáneo. Dicía el que o cartel é “un berro pegado nunha parede”.