Hoxe, 27 de outubro, van ter lugar as eleccións na República Oriental del Uruguay, evento que tiven a sorte inmensa de vivir moi de perto hai 35 anos, unha experiencia da que gardo un magnífico recordo e que permanece moi nítida na miña memoria. Eran aquelas eleccións de 1989 moi importantes para un país no que estaba aínda moi fresco o remate da denominada ditadura cívico-militar (1973-1985) de tráxico recordo. Coñecín e fixen amizade con algún e algunha represaliada e as historias que contaban do que pasaran eran espeluznantes. Na liña do que podemos ver no filme Migas de pan (2016) -pode verse en internet, e recoméndollelo-, inspirado no relato de Liliana Pereira, unha dos centos e centos de presas políticas. Dicir, non obstante, que, contodo, non é o mesmo ver un relato nunha pantalla que escoitalo directamente de viva voz de quen tes diante e te está a mirar aos ollos. Nesas eleccións aínda non se acabara de saír ben do pozo e moita xente manifestaba certo temor do que puidese pasar se se votaba a alternativa de esquerdas do Frente Amplio, do que, nese 1989, era candidato o xeneral Líber Seregni. Eran, pois, uns comicios, senón decisivos, moi importantes. Daquela, que hoxe xa non é así, ese mesmo día votábanse tamén as candidaturas municipais. O oncólogo Tabaré Vázquez -que logo sería dúas veces presidente-, dirixente do Partido Socialista, encabezaba a do Frente Amplio á intendencia de Montevideo -esa cidade que tanto amo, na que reside, non o perdamosde vista, perto do 50% dos habitantes do país- e gañou. Penso que non é necesario describir o ambiente de festa que esa noite se viviu na cidade. É doado de imaxinar. Era a primeira vez que a esquerda lograba resultados relevantes, o que facía albiscar un futuro mellor, como así foi. De aquela a hoxe o intendente montevideano foi sempre do Frente Amplio e, con Tabaré Vázquez e Pepe Mujica como presidentes, estivo 15 anos, tres lexislaturas, á fronte do país.
Agora finaliza mandato presidencial Luís Lacalle, do Partido Nacional -máis coñecido como Blanco-, fillo de Luís Alberto Lacalle, o vencedor das eleccións que eu vivín. O goberno actual sae con sospeitas de ter sido corrupto, o que debería facilitar o retorno do Frente Amplio, que desta volta presenta como candidato Yamandú Orsi, un profesor de Historia, que foi intendente de Canelones e que milita no Movimiento de Participación Popular (MPP), a organización de Mujica, quen o apoiou ata o último momento, malia a súa idade e os seus problemas de saúde, “estoy peleando con la muerte”, dixo no último acto no que participou hai poucos días. Parece que as sondaxes van por aí. Debería gañar Orsi. Se non é na primeira volta, si na segunda, ou balotaxe.
O chamada lei de lemas do sistema electoral uruguaio non é moi doado de entender para os que vimos doutras coordenadas políticas. Os grandes partidos ou coalicións supoñen un lema, que, á súa vez, pode ter sublemas, que, no reconto, suman cos outros do mesmo lema.
Eu ao principio non entendía practicamente nada. Mais tiven a sorte de contar cun excelente profesor: Joaquín Diego, un espilido rapaz, estudante dos primeiros cursos de secundaria, fillo de Graciela Pereiro, grande e benquerida amiga. Nunca esquecín aquelas súas sesudas e demoradas explicacións que me deixaban pampo, máxime pola súa corta idade. Nunca as esquecín.