Remontémonos ao Imperio Romano, onde os emperadores sabían que o circo calmaba os ímpetos da masa, onde os gladiadores loitaban contras feras e mesmo entre si, onde se celebraban carreiras de carros, etc. E sigamos o camiño da historia ata chegar ao noso fútbol que, como naqueles tempos, hoxe cumpre as mil marabillas con ese obxectivo de manter entretida a unha masa de seareiros que a saber o que farían se non tivesen esa solución para calmar as frustracións que proporciona o devir cotián e esquecer por un intre o problema da vivenda, do traballo, da sanidade, etcétera, e liberar o cabreo. A socioloxía e a psicoloxía teñen moito que dicir ao respecto. Pero resulta que o fútbol produce tamén frustracións cando as cousas deportivamente falando se torcen, cando as súper estrelas dos grandes equipos non están á altura e pasa o que, por exemplo, lle aconteceu ao Real Madrid co Arsenal hai uns días, coa conseguinte carraxe monumental dos seareiros, miñaxoias!
A frustración abrangue, como non, tamén aos seareiros do Racing de Ferrol, que ven como inexorablemente o equipo vai con aceleración costa abaixo camiño do pozo do descenso sen que dende a directiva do club nin dende o terreo de xogo puidesen pór remedio ao que parece inminente. O mesmo é que, tal e como están as cousas, non había outra. E todo isto habería que velo con certa paciencia, tranquilidade e deportividade. Se o Racing está aí será por méritos propios, porque non hai máis, e máis nada se pode sacar do que hai. Non debemos esquecer que hoxe os equipos de fútbol son empresas malia que algúns queiran velo doutro xeito, e o motor que as move é o diñeiro. Non é suficiente o entusiasmo que poñan os dirixentes e mesmo a cidade enteira se detrás dese fervor non está a dotación económica competente. Pero malia todo iso non convén desesperar e se realmente se ve o club como un elemento de identidade da cidade, véxase nas verdes e nas maduras, véxase como é en realidade e nada máis.
O outro día falaba cun ex-xogador do Racing e dicíame que o que lle frustraba era comprobar que non se recorría á canteira, que estaba descoidada, e que nela quizais houbera rapaces en Ferrolterra que poderían cumprir polo menos como os xogadores que trouxeron de fóra. Pode que teña razón, pero no fútbol profesional, mentres non se demostre o contrario, o diñeiro marca as diferenzas. Éche o que hai. Sinto o momento polo que está pasando o Racing de Ferrol malia que o fútbol non ocupa unha parte importante na miña vida, pero é bo para a cidade que o Racing vaia ben, o mesmo que o é a Semana Santa aínda que a min tampouco me interese moito.