A españolidade do Real Madrid

Dado o que hai podémola poñer en cuestión sen que iso sexa importante para o devir do país mergullado noutros asuntos de moito máis calado. Non creo que a política aglutine máis paixón que o fútbol,  e ata este intre nas filas dos partido políticos non hai fichaxes estranxeiros,  pero polo camiño que imos todo se andará. Para algúns a política resulta un bo negocio e o fútbol unha angueira importante na que o aspecto deportivo quedou relegado fronte doutros  prosaicos intereses: o negocio puro e duro. O método consiste en recorrer ao mercado estranxeiro co gallo de acadar un grupo dabondo competitivo malia que isto as veces non dea o resultado desexado.


Lembrarán, supoño que si, un tempo no que había neste país unha cota establecida de estranxeiros para  os equipos de fútbol, creo que era un máximo de tres (corríxanme se estou errado) pero, coa globalización que todo abarcou, dispoñendo de cartos suficientes, un pode facer un equipo de estranxeiros que irracionalmente  represente os intereses locais e nacionais. O Real Madrid é un exemplo disto. Hay outros, si,  pero agora falo do Real Madrid.


Imos aos datos inmediatos: o mércores xogou o Real Madrid en Bilbao contra o Atletic ( único equipo que mantén a praxe de contar só con xogadores da casa) e pasoulle por enriba a un Madrid repleto de estranxeiros. A aliñación do Madrid contou de saída con: Courtois (belga), Rüdiguer (alemán), Tchounaméni( francés), Valverde ( uruguaio), Bellinghan (inglés), Rodrigo ( brasileiro), Mbappé ( francés) e cos españois Lucas Vázquez, Fran García, Ceballos e Asencio .No grupo están tamén Vinicius (brasileiro) que non xogou porque está lesionado, Mendy (francés) Camavinga (francés), Modric (croata), Arda Güler (turco), Endrick (brasileiro). Contemos tamén co adestrador Ancelotti (italiano). Así as cousas xa me contarán onde está o equipo “español”.


En fronte tiña a un Bilbao cuxa filosofía segue a praxe de manter no seu persoal a xogadores  saídos da súa canteira e formados deportivamente en Euskal Herría malia que non naceran no País Vasco. Distinto xeito de ver as cousas que fixo do Bilbao un club recoñecido en todo o mundo polo xeito de levar así este tema e por uns seareiros entendidos na materia que non teñen reparos en aplaudir a un equipo rival que xogue ben. Iso marca tamén a diferencia.


Eu de rapaz era do Real Madrid, dese equipo que se paseaba por Europa. Non sei se aínda queda algún pouso daquilo, quizás un pouquiño. Hoxe sen que iso importe moito, simpatizar o que se di simpatizar, simpatizo máis co Bilbao. Cousas da vida!

A españolidade do Real Madrid

Te puede interesar