Recoñezo ser mitómano e supoño que utópico. Creo que son necesarios os símbolos que representan un país, unha cultura e unha fala. Rosalía de Castro forma parte deste universo persoal. Igual o Nadal está a aumentarme iso que poderiamos chamar sentimentalismo ou, quizais, a saudade da que falan as fillas de Breogán. Grazas á campaña promovida pola Agrupación Coruñesa Ío, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Fundación Rosalía hai unha estrela que leva o seu nome, e así está recoñecido pola Unión Astronómica Internacional. Agora cúmprense cinco anos. Do mesmo xeito que Castelao acaba de ser recoñecido como o primeiro presidente de Galicia. Si, son xestos. Pero teñen un poderoso significado. Rosalía de Castro ten a súa estrela no ceo que cobre o noso mundo terrenal. Posiblemente siga alí incluso cando todo aquilo que hoxe coñecemos nin exista. Xa saben iso do espazo-tempo. En setembro fomos á Casa de Rosalía en Padrón e, do mesmo xeito que hai outros lugares para as e os galegos, incluídos eses novos que veñen de lonxe, permítanme compartir este lugar de peregrinación persoal con todos vostedes. A casa é o lar que afunde as nosas raíces neste tempo e nesta terra. Bo Nadal.