O día da entrega dos Premios da Crítica de Galicia, para a Cultura galega é un dos días máis importantes do ano. Un día de festa, de gozo, de recoñecemento do traballo feito nos distintos ámbitos e de proxección de novas ideas, novas formas, atencións e miradas. Estes premios convocáronse por primeira vez en 1978. A iniciativa foi do Círculo Orensán-Vigués e continuada, a partir de 1992, pola Fundación Premios da Crítica Galicia.
Ao comezar (e ata o 1996) eran seis modalidades ou categorías: Creación literaria, Ensaio e pensamento, Investigación, Ciencias e artes da representación, Música e Iniciativas culturais. Os promotores, motores intelectuais e organizadores destes Premios merecen un monumento, merecen os parabéns de todas as persoas que queren (queremos) unha Galicia máis grande e máis próspera.
En 1978, os gañadores dos Premios, Alfonso Pexegueiro, por Mar e naufraxio; Andrés Torres Queiruga, por Recupera-la salvación; Isidro Parga Pondal, en Investigación; a soprano María Uriz Mosquera, en Ciencias e artes da representación; A Roda e Milladoiro, en Música, e o Museo do Pobo Galego, na categoría de Iniciativas Culturais. Non hai nada que dicir, parece que foi acertada a decisión, igual que acertaron nos anos posteriores.
Este ano, tamén. Agora xa son dez categorías e todo resultou do agrado da maioría, convertendo a Vigo, un día por ano, na capital universal da cultura nosa, da que nos dá orgullo por ser de onde somos. Xa o di a Tía Manuela, “se non foses ti, Galicia, nós seríamos de ningures”.
Ninguén é de ningures. Uns, os máis, son de onde nacen, e moitos outros, os homes, as bestas, e todos os que alentan son de onde nacen, menos os burros que son de onde pacen.
Os premiados deste ano, e todos os dos anos anteriores, merecen parabéns de quen o conta e dos lectores amables. Moitas grazas para uns e para os outros, para todos. Parabéns para Bieito Ledo, para Bragado, o novo “coronel” dos Premios e para ese exército de sesenta ou setenta voluntarios asalariados con cadanseu billete, pagados. Parabéns para todos os que baten as súas mans, amosando sinais de alegría; para todos os que gozan coa ledicia dos outros.
A ledicia foi grande ao ver, aquel día, a Antón Pulido e Modesto Hermida compaxinados. Aos seus anos, seguen irmandados e, na ocasión foron moi loados. As súas palabras amigas, as súas miradas profundas e comprometidas, xunto aos seus corazóns enormes, agrandaron a festa e deixaron unha mensaxe de esperanza para a Galicia enteira, baseada no falar continuado do silencio e sen ningún ruído, para que se entenda todo, todo o que se pode comprender.