Canto sinto xa tornar / para o lugar e deixarte, / mais ben bolos de manteiga / quinta feira hei de mandarche”, din os versos da sétima das nove cuartetas de octosílabos que, xunto con unha inicial de hexasílabos, conforman o poema, sen título, que comeza “Falade ben baixo” e que figura no folleto, editado en 1850, “Canciones al nacimiento de Ntro. Sr. Jesucristo y degollación de los Inocentes en el Hospicio de Santiago, 1849”. O autor da mesma foi Alberto Camino, o poeta “máis rosalián dos prerrosaliáns”, no dicir de don Ricardo Carvalho Calero, o escritor ao que, a xuízo do ilustre ferrolán don Leandro de Saralegui y Medina, lle cabe a honra de ter iniciado e promovido o moderno renacemento do “dialecto provincial”.
Camino, como os citados Saralegui e Carvalho, naceu en Ferrol, como indica a súa partida de bautismo, asinada polo presbítero Francisco Ylla: “A los treinta y un días del mes de Octubre de mil ochocientos y veinte, en las fuentes bautismales de la Iglesia Parroquial de San Julián del Ferrol, en el Reyno de Galicia, Yo el abajo firmante Capellán del primer Batallón del Regimiento de Granada bauticé solemnemente a Alberto, Juan y Francisco nacido el día anterior, hijo legítimo de Manuel Camino, Sargento Segundo del mencionado Batallón, y de Benigna Siguert; [...]”.
Como eu tamén era, e sigo sendo, ferrolán de nación e de corazón, no seu día, van aló case que 50 anos, o profesor Carvalho estimou que un estudo da época e unha edición da obra do noso paisano precursor era un bo tema para a miña tese de dou-toramento, que defendín en decembro de 1980. Foi a cuarta e derradeira das teses dirixidas polo ilustre don Ricardo.
Mais o que me levou a redactar estas liñas non foi nin a miña tese de doutoramente, nin o doutor que ma dirixiu, nin Alberto Camino, nin Leandro de Saralegui, senón a denominación do día da semana que aparece no cuarto verso da estrofa reproducida ao comezo: quinta feira.
Hai unhas semanas contábanme un detalle que lle tiña pasado a uns coñecidos que concertaran unha cita. Un deles ten o costume de utilizar a nomenclatura de feiras para se referir aos días da semana e convocou para a quinta feira ou quinta. O convocado, que non utiliza esa denominación, contou á súa maneira e non acudiu ao encontro, pensando que era venres. E non era tal, senón xoves. Nos nosos calendarios as semanas comezan en luns e acaban en domingo. Pola contra, en portugués, comezan en domingo, o día de festa, o feriado, e a partir de aí veñen os outros segunda feira, terça... ata o sábado, en que finalizan, xa que, segundo a tradición abrahámica, Deus descansou o sétimo día, que era o sábado.
Como é sabido, no tránsito do latín ás linguas romances, estas adoptaron os nomes “pagáns” latinos agás o sábado (o Shabat hebreo) e o domingo (o día do Señor, cristián), agás os idiomas xerados na banda noroccidental da Península Ibérica, que crearon a citada denominación de feiras. Parece ser que foi Martinho de Dume, bispo de Braga no s. VI, quen potenciou o abandono dos nomes “pagáns”. Velaí o exemplo de Camino de mediados do s. XIX. Logo desapareceu e, se cadra, habéría que tentar recuperalo. En calquera caso debemos non esquecer que a denominación con feiras usada en Portugal tamén é tradicional de nós.