Semanas atrás andaba a elaborar unha relación dos versos do poeta francés Luc Bérimont, que foron musicados e interpretados por diferentes cantautores ou cantantes (Catherine Sauvage, Hélène Martin, Lise Médini, Jacques Bertin, Léo Ferré...), cando, no LP Reencontres, do cantautor Marc Ogeret, editado pola Vogue, en 1972, batín cun tema “Galice” -indícase que é da dautoría de “Rosalia de Castro-Luc Bérimont-José Niza”-, que apareceu tamén como lado B dun single no propio ano 1972. Chamoume a atención e procurei información ao respecto. Localicei varias gravacións no Youtube e en canto escoitei catro notas decateime de que se trataba da música que o médico, político e músico portugués José Niza lle puxera aos versos da V parte do poema “Pra a Habana”, que na versión portuguesa, baixo o título de “Cantar de emigração”, interpretou Adriano Correia de Oliveira para o seu LP Cantaremos -editado pola Orfeu en 1970, con arranxos de Rui Pato-, vinilo que tiven no seu día e que regalei de moi bo grao. Del, con certeza, tomouna o grupo Fuxan os Ventos -que, co título “Este vaise”, a gravou en 1984 para o LP Noutrora-. tanto é asi que nos créditos figuran como autores Rosalía e Adriano. Mais, nese mesmo ano 1970, apareceron en Portugal outras dúas gravacións do poema de Rosalía musicado por Niza. Unha delas, titulada “Este parte, aquele parte”, interpretada polo dúo Duarte & Ciríaco, viu a luz como lado A dun single de Movieplay. Non nomea o autor da música, mais sí o dos versos, que, curiosamente, atribúe a José Niza. A outra titúlase “Cantiga para os que partem” e gravouna, no LP Flores para Coimbra, no selo Orfeu, António Bernardino, cantante de fado de Coimbra.
A autoría volve variar. A música é de José Niza, mais a letra atribúese a Manuel Alegre e Rosalía de Castro.
Pero Alegre, de quen Adriano interpretou abondos poemas, nada tivo que ver con este de Rosalía. É unha tradución feita no Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra (CITAC) para ser musicada por Niza e ser interpretada por Adriano no espectáculo Castelao e a sua época, montado por Ricard Salvat, director que era da CITAC en 1968-69, que sería prohibido pola censura e o autor catalán expusado de Portugal. Polo medio andara tamén Xesús Alonso Montero, bo amigo de Salvat. Se ben non se gravou nese momento, o poema rosaliano fíxose popular entre a poboación universitaria de Coimbra e foi interpretado en actos de protesta que tiveron lugar durante a crise académica iniciada en abril de 1969.
O caso é que, dous anos despois das primeiras gravacíóns da versión portuguesa de “Pra a Habana”, en 1972, Marc Ogeret, como vimos, gravou “Galice”, ´coa música de Niza e versos en francés de Luc Bérimont, inspirados, mais diferentes, dos de Rosalía. A presenza nos mesmos do silicio é mostra do coñecemento que o autor tiña que ter da grande presenza dese elemento no chan galego. Descoñezo ese motivo e o de como chegou a coñecer o texto, que debeu ser por vía musical, dado que adapta a súa versión á música de Niza. Probablemente fose a través dos moitos exiliados políticos portugueses que había en Francia. Non Adriano, militante do PCP, que foi á tropa e non se exiliou para fuxir dela.
Os contestatarios versos de Rosalía foron parar, como non, á voz comprometida, de esquerdas, de Ogeret, que gravou poemas de Aragon, cantos da Comuna de París, A Internacional...