E unha locución latina que quere dicir que o home é un lobo para o home, na súa acepción máis negativa, que foi a que lle atribuíu o seu autor Thomas Hobbes, un filósofo inglés no século XVIII. Isto con permiso do lobo, animal esencialmente social. Hai opinións dispares ao respecto, dende os que pensan que o home é bo por natureza ata os que pensan o contrario. En calquera caso, esta condición humana depende de moitos factores, sociais, económicos e culturais. Tamén é un termo relativo dependendo das circunstancias. Se pode ser bo para uns e malo para outros. Aí temos o caso de Napoleón Bonaparte, por poñer un exemplo. Bo para Francia, heroe nacional para os franceses e malo, inimigo público número un, para os países arrasados polas súas tropas.
Ven isto a conto matinando sobre a guerra de Ucrania. É Vladimir Putin integramente malo e Volodimir Zelenski completamente bo?. Ámbolos dous, equivocados ou non, defenden as súas posturas. O resultado, catastrófico, está á vista. Miles de vítimas e perdas económicas multimillonarias, co perigo que supón para a paz no mundo, o que debería levar a ambos contendentes a acadar un acordo de paz, detendo unha sangría tan dolorosa como inútil, que custará anos superar. O resto dos países que apoian a un e outro bando deberían apuntar nesta mesma dirección en vez de aportar armas para a destrución. A derradeira solución, que eu invoco dende estas liñas, podería ser a deserción masiva mutua, dos contendentes, en ambas faccións.
Vaise o 2022, un ano malo. Benvido o 2 023 co desexo e a esperanza de que sexa o remate da guerra, de tódalas guerras.
Non é esta a única guerra actual e aquí cabe recordar estoutra alocución que di: “ si vis pacem para bellum”, coa que non estou de acordo en absoluto. Pola contra, penso que hai que levar á mente de tódolos habitantes e países da terra que ,”si queres a paz, traballa pola paz”. É este un problema de educación a tódolos niveis, empezando pola escola primaria. A primeira meta a acadar debería ser o desarme total. Como hoxe a cousa vai de frases feitas, aquí vos deixo estoutra, desta volta na nosa fala: “morto o can acabouse a rabia”. Eu ben sei que isto que estou a dicir é unha utopía pero tamén estou convencido de que, máis cedo ou máis tarde, a humanidade, tódolos homes e países sen excepción, teñen que chegar a esta solución, vailles nelo a supervivencia. Non o verá a miña xeración, pero a cousa é necesaria e urxente. O risco está en que, cada vez máis , estamos expostos a que un descerebrado, “cheo de razón”, Putin neste caso, prema o botón dunha guerra nuclear , capaz de acabar con este mundiño de nós.