Killer Tobacco

O sábado 23 de novembro, día no que escribín estas liñas, abriuse ao público a exposición “Irving Penn: Centennial”, que, no seu espazo do coruñés peirao de Batería, ofrece ás persoas interesadas a Fundación Marta Ortega Pérez (MOP). A exposición organizada, en 2017, polo Museo Metropolitano de Arte (MET) de Nova Iorque e a Fundación Irving Penn, para conmemorar, como o título indica, o centenario do nacemento do artista é, sen dúbida, a máis completa das que se puideron ver en España do mesmo.


Obviamente, non tiven aínda ocasión de visitala, cousa que farei tan pronto poida, porque é un fotógrafo que sempre me interesou, especialmente os seus retratos. Mais tamén a serie “Cigarettes”, que realizou en 1972 e que expuxo no MoMA neoiorquino en 1975: “Irving Penn: Recent Works”, esas, para min noxentas, fotos de cabichas recollidas nas rúas, que teño visto moitas veces na internet. Sei que ambas as series están representadas na exposición do MOP.


A propósito das fotos de cabichas –o que de nenos chamabamos pavas– recordo que me chamara a atención o que escribiran Liz e Lee Heidhues sobre a súa visita á retrospectiva de Penn no Museo De Young de San Francisco, por iso me pareceu oportuno reproducilo aquí: “Mais o que quedou gravado de xeito indeleble nas nosas mentes foi unha estancia cuxa única personaxe era o máis inerte: cabichas de cigarros. Cando o amigo íntimo e colaborador de Irving Penn, Alexey Brodovich, fumador de toda a vida, morreu de cancro de pulmón –aconteceu en 1971–, o fotógrafo de moda saíu á rúa. As cabichas de cigarros foron o tema da súa pouco sutil campaña para mostrar o que realmente é a Gran Tabacaleira: fea”.


É coñecido que Irving Penn detestaba o tabaco, o que non lle impediu –a pela, como xa sabemos, é a pela– facer publicidade diversa de cigarros. A súa posición mudou radicalmente cando a citada morte de quen fora o seu profesor, promotor e amigo. Que o tabaco mata, como poñen de manifesto os paquetes de cigarros, é unha diaria evidencia. E podo falar por min, que fun gran fumador. Levo 22 anos sen facelo e dun ano escaso para aquí detectáronme catro tumores: un en cada pulmón, outro no esófago e o último, descuberto hai menos dun mes, de vexiga. Os tres primeiros xa mos trataron con radioterapia –parece que funcionou– e o máis recente extirpáronmo o pasado luns e haberá que ver se procede ou non –agardo que sexa así– algún tratamento suplementario. De momento, sei que a operación saíu ben, porque o venres, cinco días despois, sen problema ningún, puiden estar na Malata vendo xogar o noso Racing contra o Levante, de onde, malia o empate, saín con bo sabor de boca e esperanzado.


Como dixen, levo máis de dúas décadas sen tei-mar en matarme fumando. Do que gustaría é de que tampouco me matase outra xente co fume dos seus cigarros. Non entendo como, se está prohibido fumar nos recintos deportivos, o persoal, que non o fai nas gradas, segue a facelo, durante os intermedios, polos corredores. Habería que lembrar pola megafonía que o de non fumar é en todo o recinto, desde que se pasa polo torno. E outro tanto habería que dicir das terrazas hosteleiras, lugares frecuentados por crianzas e outras persoas ás que prexudica moito o fume.

 

Killer Tobacco

Te puede interesar

Xosé María Dobarro
Xosé María Dobarro