Magnífica exposición

Un día sentiste el orgullo de estar con el Frente, de ese Frente que ponía cada día los presos, los desterrados y los muertos, y en la calle y con el Frente viviste los grandes momentos con que paso a paso se le fue ganando la pulseada al régimen, hasta llegar por fin a su derrota final”.


Estas palabras son un anaco da “Exhortación a los jóvenes”, texto do dramaturgo, poeta, narrador e xornalista uruguaio Milton Schinca que, dito pola súa propia voz, figura na cara B da edición de 1985 do LP Guitarra Negra, un dos discos da miña preferencia, como xa teño manifestado algunha que outra vez. Era a terceira vez que Alfredo Zitarrosa publicaba un longa duración co título, do seu longo poema “Guitarra negra”, que, con algunhas variantes, ocupaba unha das caras do vinilo. As dúas primeiras, eran tempos de exilio, apareceran en España (1977) e México (1978). A terceira, a de 1985, xa puido aparecer no Uruguai, poucos meses despois da toma de posesión -o 1 de marzo dese ano- de Julio María Sanguinetti como presidente eleito, após de gañar as eleccións que poñían fin aos doce anos da feroz ditadura instaurada na República Oriental tras o golpe de Estado do 27 de xuño de 1973. A cara B desta edición, “Hoy Desde Aquí - Poema Por Milonga”, confórmana textos relacionados coa saída do negro pozo ditatorial e a recuperación de liberdades. Están ditos polos seus autores -Eduardo Galeano, Ángel Oliva, Juan Capagorry e Milton Schinca-, acompañados da música de Zitarrosa, que lle pon voz ao poema “El pueblo”, pertencente á obra Plenos poderes (1962), de Pablo Neruda, ademais de contribuír cun texto propio dito por Nancy Marino, súa muller. Teño escoitado ese disco centos de veces e o pasado xoves a intervención de Rafael Pillado no acto de inauguración da exposición “Rostros da Memoria. Ferrol 1972”, de Xurxo Lobato, tróuxome á cabeza as liñas que abren esta miña dominical columna. Dicíanos o amigo Rafael que aquelas dolorosas xornadas de loita de marzo do 72 e meses adxacentes, máis aló das reclamacións de melloras salariais e das condicións de traballo, tiñan como obxectivo último acabar coa ditadura, gañarlle esa “pulseada al régimen, hasta llegar por fin a su derrota final”, da que fala o escritor uruguaio. Nesa loita, prolongada no tempo, participaron activamente, como non, as 30 persoas fotografadas, homes e mulleres, acompañadas de moitísimas máis, algunhas das cales padeceron tamén a dura represión deses días de incipiente primavera. Mesmo coa morte, como Amador e Daniel. Os nomes dos falecidos e non localizados figuran tamén nos textos que acompañan os rechamantes retratos de Lobato.


A exposición, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol co apoio e a colaboración das asociacións culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática, así como de Lourenzo Fernández Prieto e Ánxela Loureiro, permanecerá na fenesa Praza do 10 de Marzo, en San Valentín, ata o 31 de agosto. Logo irá percorrendo os municipios da comarca: Cedeira, Valdoviño, Mugardos, Ferrol, Cabanas, Neda, Narón e Ares. Hai idea tamén de levala a outros territorios da nación. Mais o primeiriño de todo é vela e desfrutala aquí, na nosa contorna. Porque paga a pena, abofé, e porque é certo, como subliñan os organizadores, que a democracia -boa, mala ou regular- na que vivimos e a sociedade no seu conxunto teñen unha débeda histórica con estes loitadores, eles foron os protagonistas que axudaron a acabar coa ditadura”. Entendo que Xurxo Lobato conseguiu sobradamente o seu manifestado obxectivo de que os rostros das 30 persoas retratadas expresasen, malia os 50 anos transcorridos, a dor que padeceran.

Magnífica exposición

Te puede interesar