Un señor, un mestre de moitos anos, díxolles aos seu alumnos, que tamén eran mestres con anos dabondo, algo moi significativo e importante: “Coidade de que a intelixencia de cada un domine e marque os pasos que debe seguir a máquina coa súa intelixencia artificial”. Cómpre dominar esa ferramenta que está incidindo no futuro da comunicación, da creación literaria, da educación, da documentación, da economía, de todos os saberes e, mesmo, da sociedade enteira.
Os mestres asistentes, escoitaban e asentían. Eles e cada un dos lectores deste xornal saben que as ferramentas son para traballar con elas, que é conveniente aprender a manexalas, como foi necesario aprender a agarrar o lapis para escribir ben e rapidamente. Por certo, amigo ou amiga, para saber de que escribes non importa a cor do lapis, nin a súa fermosura, nin o seu tamaño, nin se é de madeira, de plástico ou de nada.
Importas ti. E a ti, se me permites o tuteo, vai dedicado este artigo, como unha idea para seguir pensando, afondando no pensamento e furgando nos datos, nos falares e nas concienciudas pescudas de quen traballa e serve á colectividade.
É como se o mundo estivera ao revés. Os políticos, os empresarios, os científicos e moitos outros falan con linguaxe arancelaria, pensan nos cartos, na riqueza e en pouco máis. Outros (ou os mesmos) falan da guerra e da imposibilidade de acordar, como se lle tiveran medo ao pensar, ao razoar, dialogar e acordar. E todos, os que poden, andan coa IA, como se non foran quen de pronunciar as dúas palabras. Ou como se non souberan o significado das mesmas. Vaiche boa, Vilaboa!
Ao falar de Vilaboa, vén á memoria deste escribidor o talento daquel Vilaboa Barreiro, de Vilaboa, que pasou a súa vida profesional como enxeñeiro, traballado nas estradas e nos portos do Norte da Península, defendendo a cultura Galega e o Camiño de Santiago, como parte da mesma. Era enxeñeiro, como o seu pai fora; promotor e divulgador do Camiño de Santiago, como moitas outras persoas que non perdían de ter unha pica onde fose, en Sestao, en Donostia, cerca de Redondela, en calquera das estradas da Coruña, de Lugo, de Ourense ou de Pontevedra.
Como outros galegos de ben, estaba devanando coa cabeza, dándolle voltas á terra, ao mar e ao silencio, para seguir coa longa espera na procura dunha ida.