En negro

Hai poucos días quedei cuns amigos para lle meter un piscolabis, aproveitando que non lles caía mal pasar pola miña zona de residencia ao regreso dun cabodano familiar. Viñan bastante indignados, e iso que o acontecido non lles afectou directamente nin a eles nin aos seus petos.


Segundo me contaron, cando acabou a misa polo cabodano do defunto, o viúvo –pai dun destes amigos– achegouse ao cura, preguntoulle canto lle debía e entregoulle a contía en billetes do euro circulante.


Logo, tomando un café ou outra bebida calquera, que é o que se adoita facer nestes actos, diría que puramente sociais, ou cando menos maiormente sociais, o pagador, persoa xubilada con pensión escasa, manifestou que lle parecían unha barbaridade os noventa euros que lle levaran pola misa, máxime cando unha muller que lle vai axudar no amaño da vivenda lle cobra dez euros por hora e a ceremonia eclesiástica durara media hora a todo tirar. Os presentes no bar preguntáronlle que conceptos aparecían no recibo para xustificar a cantidade, ao que respondeu que o cura non lle dera recibo nin nada, que collera os cartos e directamente para o peto. E o IVE?


Se un fontaneiro, un electricista, un cerralleiro ou un profesional doutro ramo calquera che fai un traballo ocasional especifícache na factura os conceptos. Pode acontecer que che ofreza non facer factura para aforrar, mais iso –que descoñezo, dado que nunca o acepto, se está ou non moi estendido– é a todas luces unha estafa, un roubo ao erario público, isto é, aos cidadáns que pagamos impostos, dado que os cartos non veñen nin da UE, nin do ceo nin de ningunha outra parte que non sexamos nós. Mais, neste caso, o cura, segundo apuntou o pagador da misa, nin sequera lle deu a posibilidade de non cubrir a papela para que o servizo lle saíse máis económico. Apañou a pasta e punto.


Se non parece de recibo que calquera profesional –socialmente pouco serio, dito sexa de paso– evite emitir facturas, semella máis grave que quen o faga sexa alguén pertecente a unha institución que se manifesta como pouco menos que imprescindible para o bo funcionamento da vida material e espiritual da nosa sociedade. Pois vaia exemplo. Ata haberá quen pense que non debe ser pecado, nin delito, non declarar e ingresar a porcentaxe correspondente do IVE dun servizo como é un matrimonio, un bautizo ou, neste caso, unha misa. Se os curas o fan...


Como a historia me parecía propia doutros tempos, dos daquela ditadura franquista na que imperaban os abusos de todo tipo, decidín recabar algunha información a respecto do funcionamento eclesial neste tipo de actividades. Souben así que, hai poucos anos, as dioceses galegas decidiran crear un portal no que as funerarias puidesen aboar os servizos por transferencia bancaria, o que motivara as protestas de curas de diferentes zonas. Ficaban exentos os cidadáns de a pé? Ao que se ve... Entereime tamén de que o prezo estipulado para unha misa na diocese de Santiago –onde isto aconteceu– é de 10 euros. Lin, ademais, que o papa Francisco non era partidario da práctica de cobrar polas misas de defuntos. Xa que logo... Que cadaquén tire as súas conclusións.

 

En negro

Te puede interesar