Peneirando papeis

Para Gael, fillo benquerido, nos seus días

 

A miña desvinculación da Universidade da Coruña, esas cousas da idade, obrígame a deixar libre o despacho –algo que xa debería ter feito hai tempo– que ocupei nos anos en que fun catedrático en activo e profesor honorario unha vez que me xubilei. Quede constancia do meu agradecemento ás diferentes autoridades académicas da Facultade de Filoloxía polo seu trato a este respecto. No labor de recoller en caixas o que quero conservar de todo o que alí había e hai –unha vida– fun batendo con cousas que nin lembraba que tiña, xunto con outras das que estaba certo da súa existencia, mais que descoñecía a súa ubicación.


Destas últimas fíxome particular ilusión volver ter nas mans unha foto, da que sempre gustei, na que estou na sempre grata compaña de Miguel A. Montes, Xoán Carlos Rodríguez e Manolo Cortés, detrás dunhas mesas de bar, nas que pousan uns terzos de cervexa e uns micrófonos. É mágoa que a foto non teña anotación de ningunha caste que indique a data e/ou o nome do establecemento onde está tirada. Debe estar tirada en 1987 nun pub –isto fixo– da zona das Algalias compostelás, durante un recital poético do grupo Ronseltz, no que tiven a honra de actuar como introdutor dos tres membros actuantes. Por calquera motivo, non participaran Serxio Iglesias e Xabier Cordal. Os catro retratados vestimos americana e, a maiores, os tres poetas levan gravata. Tamén gafas de sol, son tempos da “Galicia Caníbal” e o LP “Fai un sol de carallo” (1986), aínda que eles non fosen de ié-iés. Dou fe.


O grupo Ronseltz –aínda que se fundou no Borrazás, o popular café-bar coruñés, con variados ambientes ao longo do día e da noite– de-senvolveu boa parte dos seus primeiros anos no Colexio Universitario da Coruña, nas súas recén estreadas instalacións da Zapateira. De feito, foi na fotocopiadora e na multicopista do centro onde se imprimiron os tres números da revista poética homónima. Nesa altura, mediados dos 80, tocárame formar parte da candidatura, encabezada por Xosé Luís Armesto –que anos máis tarde sería reitor–, que gañou as primeiras eleccións democráticas celebradas no colexio. Como subdirector que fun do mesmo, tiña asignada a responsabilidade das actividades culturais, o que motivou a miña continua relación cos compoñentes de Ronseltz, aos que, por outra parte, xa coñecía por seren alumnos meus. De aí xurdiría unha amizade que, aínda que nos vexamos pouco –casualmente e por separado–, dura ata hoxe. Desde logo, téñoos seguido nas súas actividades posteriores, poéticas ou noutros eidos do mundo das artes. Teño estado en presentacións de libros individuais de varios deles. Teño visto nas pantallas un lote de filmes ou series, nas que interviu Cortés, así como teño asistido, aquí e acolá, a representacións teatrais nas que participou. Tamén seguín a moi interesante carreira de Montes como excelente cantante en Micky Nervio&The Bluesmakers, banda que puxo a Coruña no mapa do blues mundial. Velaí están os vídeos de youtube para confirmalo. Recordos gratos, todos eles dun tempo alegre que pasou.

Peneirando papeis

Te puede interesar