Está a piques de esmorecer un ano e de alborecer outro, e cando isto acontece os seres humanos lanzámonos a desexarmos paz, felicidade, amor e todas esas cousas lindas que quedan moi ben ditas pero... a realidade ben ser outra. Somos egoístas por natureza e xa que logo gústanos mirarnos o embigo seguindo a praxes esa de; ande eu quente... Por iso case todos os propósitos de emenda quedan niso, en propósitos nada máis. O colectivo fórmase con individualidades e cando prevalece o individualismo xa sabemos o que pasa: primeiro eu e logo todo o demais. Pero é que os propósitos individuais de emenda por regra xeral tampouco se cumpren. O de ano novo vida nova vale, pero o deseño desa vida nova ten moito que ver coa vida que fixemos o ano anterior. Poñamos uns exemplos: dicimos: este ano voume coidar máis porque me estou pasando: irei ao ximnasio e levarei unha dieta sa. Pois vai ser que non, se cadra os tres ou catro primeiros días e logo volta a rutina de sempre practicando barra libre e levantamento de vidro decote no bar, claro. Ou deste ano non pasa, vou deixar de fumar, irei a que me fagan acupuntura e o que faga falta. Vale tío, un bo propósito pero sabes positivamente que se vai quedar niso, non si? Volverás a fumar porque como dicía un amigo meu: “deixar de fumar éche cousa ben doada, eu deixeino como unhas quince veces, ho!”
Outra cousa son os propósitos de emenda cara aos demais coma eses tan entrañables e agarimosos de amar ao próximo como a ti mesmo que nos ensinaban nas catequeses cando era obrigatorio acudir a elas. Non é necesario botar man de exemplos do xeito que teñen algúns, aqueles que deciden sobre as nosas vidas e facendas, de amar ao próximo. Chega con tratar de informarse minimamente, de ver como caen a milleiros os inocentes mergullados en guerras que non queren e como se enchen de fachenda os políticos que as provocan, como chegan seres humanos ateigados en precarias embarcacións e como tantos outros quedaron para sempre nese mar que separa a miseria absoluta da esperanza dunha vida mellor. Imaxes que por reiteradas xa apenas estimulan a nosa sensibilidade, hospitalidade e solidariedade. Si, ama ao próximo como a ti mesmo, queda moi ben como propósito pero moi mal cando a practica vai por outro camiño, cando a hipocrisía está por riba da bonhomía. Verán, eu estou con Rudyard Kipling cando dixo: “Amarei aos meus veciños como a min mesmo, si, agás aos dous ou tres de sempre aos que detesto tanto como eles me odian”. E menos mal se quedan só en dous ou tres!
Malia todo iso, vaian os meus mellores desexos para os tempos que se aveciñan. De corazón eh!