No mediodía de onte, no Lagar do Camiño, en Neda, un consolidado grupo de amigos de vello celebramos o habitual xantar destas datas, o segundo de cada ano. O primeiro adoitamos facelo no verán, contra a metade do mes de xullo. O lugar sempre é o mesmo. Nos últimos tres anos acóllenos este céntrico local hosteleiro nedense. Con anterioridade os nosos culinarios encontros tiñan lugar no “Café Casa Rivera Restaurante Bar Casa fundada en 1955”, como publicitaba o establecemento o letreiro da fachada do número 57 da rúa Galiano. Como paso moi de cando en cando por alí non teño a certeza, mais diría que aínda alí permanece, malia o tempo transcorrido desde que cesou a actividade. A Paco, o propietario, chegoulle a hora da xubilación, mais estivo a retrasala intentando que alguén quixese continuar co negocio familiar, instalado na casa onde nacera. Como non atopou quen, nin entre os achegados, en primeira instancia, nin fóra deles, non lle quedou outra que botar o peche, despois de case setenta anos de funcionamento.
Para min Rivera foi un local moi da casa, moi familiar en todos os sentidos, desde que era mozo e ía botarlle unhas tazas e logo outro tipo de viños. Teño coincidido moito co médico, e alcalde, Alfonso Couce Doce, cliente habitual de antes de comer. E con outros coñecidos, naturalmente. A fin de contas era un dos moitos bares que había no entorno do piso da rúa Magdalena –daquela oficialmente Canalejas– onde máis anos vivín en Ferrol. Cando, en 2021, Rivera pechou, andamos matinando onde poderiamos atopar un local de características similares, cousa nada doada, por certo, e reparamos no Lagar do Camiño. Fomos probar, gustamos e alí seguimos desde o ano 2022.
Cómese francamente moi ben a un prezo moi axustado, que tampouco precisamos de manxares propios dunha bacanal romana. Abonda con algo simple, ben cociñado e ben servido. E o Lagar, como antes Rivera, ofrécenos iso. A certas idades, as nosas, non é aconsellable excederse na comida, e menos aínda na bebida e, abofé, que cumprimos esa forma de actuar ao pé da letra. Paco Bernabeu, Vicente Araguas, Xaime Bello e mais eu somos de 1950, co que ao longo do próximo ano, que xa está aí, cumpriremos 75 anos, que temos previsto celebrar dalgún xeito con outra moita xente de ferrolterra, desa coa que algunha vez tivemos, ou temos, relación dalgún tipo. Xaime ten un listado ben cumprido. Un nada maiores ca nós son Pepe Criado -que, sempre llo dicimos, debería ter seguido na presidencia do Racing- e Manolo Patinha -que, segundo me din, pois aínda non puiden vela, ten unha espléndida exposición retrospectiva no Torrente- e Cisco Rodríguez, practicamente liberado das tarefas editoriais e deportivas que, durante anos, acompañaron o seu labor profesional. Luís Torres Foira é un chisquiño máis novo e segue á fronte do Colexio de Avogados. Únennos un bo lote de cousas -dentro da natural diverxencia de criterio-, unha delas a ferrolanía. Todos -mesmo os non nados en Ferrol- nos sentimos moi ferroláns e iso, sen dúbida ningunha, coexiona.