Empezo este artigo co título dunha canción dunha das máis grandes bandas do Heavy Metal, os incombustíbeis Saxon (Lembra aos caídos-as), xa que, esta canción recolle unha parte importante do que supuxo e está a supor este tema tan complexo, como é a Covid-19. Nestes perto de dous anos de pandemia, case 6 millóns de persoas faleceron no planeta e delas, case 3 mil foron na Galiza. Un virus o cal, estase aínda a día de hoxe a cebar coas máis febles, coas enfermas e coas xentes maiores, as cales, temos que dicir en xustiza, son as que menos contribuíron á la existencia desta peste, produto dos efectos co laterais dun sistema económico depredador e ruín.
Máis tamén a Covid-19 levouse a moita outra xente. Xente forte á que non lle importou estar na primeira liña da contenda. Profesionais sanitarios, policías, traballadoras da alimentación etcétera, que seguiron a pe do canón, mentres nos estabamos mais ou menos protexidas nas nosas casas, coa finalidade de que o mundo puidese seguir “vivindo”. Por certo, profesións na maioría dos casos feminizadas.
Segundo a OMS, entre xaneiro do 2020 e maio do 2021 puideron morrer polo coronavirus ata as 180 mil profesionais da sanidade en todo o planeta. É de xustiza sinalar que unha parte importante delas morreron, porque os gobernos non puxeron todas as medidas de protección necesarias para enfrontarse a este bicho, en uns ámbitos tan doados para o contaxio e a transmisións deste tipo de infeccións, como son os centros hospitalarios, residencias de maiores, ambulatorios etcétera.
Porque estes colectivos que tiveron o apoio popular durante o confinamento, en forma de postureo, (lémbranse dos aplausos e da raiante canción do momento) parece que cando todo volveu a unha suposta normalidade, xa ninguén acordouse delas,comprobándose isto, co apoio de novo nas urnas, aos que esnaquizaron e están a esnaquizar sistematicamente a nosa sanidade pública, durante xa máis de 12 anos, como é o PP da Galiza do señor Nuñez Feixoo, o cal, ten espurios intereses familiares na sanidade privada.
Xa para rematar, sería bo que desta lección que estanos a dar a natureza, sacásemos conclusións e unha delas debería ser, que temos que por como exemplo do éxito na vida, aquelas persoas que dan o mellor de si todos os días, para facer un mundo máis xusto e habitábel e non por persoeiros con riquezas insultantes, efectivamente triunfadores capitalistas mais sobre todo, máximos culpábeis de facer perdurar un sistema económico cobizoso, o cal, é o unico e principal responsábel desta pandemia da Covid-19 e por desgraza de futuras pandemias que se nos aveciñan, como está advertir a comunidade científica internacional.