Podería comezar este artigo dicindo que hoxe é o día grande de Galicia, e diría ben. Podería continuar engadindo que nesta xornada todos os ollos están sobre a nosa terra, marabillados coas nosas tradicións e costumes, e non erraría. Ou podería rematar debullando todas as oportunidades que o futuro garda para nós, e tamén acertaría. Pero estaría quedando curto. Porque Galicia non cabe nun día ou nun cento de palabras. Como dicía o poeta chairego Manuel María, Galicia vai no sentimento, e a esa grandeza é moi difícil facerlle xustiza nun artigo, nun discurso ou nunha festa.
É indubidable que hoxe celebramos todo o que significa Galicia. Festexámolo aquí, nesta esquina noroeste, e tamén en todos os recunchos do mundo onde hai un galego ou unha galega. Así de grande é a nosa terra, que nin sequera ten fronteiras. Por iso, os nosos 25 de xullo exercen como unha sorte de compás, que fixan o rumbo e o destino para todos os que volven este día ao seu fogar ou que o celebran a quilómetros de distancia; un compás para todos os que emigraron, dentro de España ou fóra dela, e que hoxe sentan de novo ás mesas para aliviar a morriña con comida galega, ou saen ás rúas de cidades distantes para conmemorar o noso. Porque os 25 de xullo son tamén un compás rítmico: o de todas as muiñeiras ou alalás que hoxe resoan nas rúas, e o do paso firme e decidido co que avanzamos cara o futuro. É por todo isto que o 25 de xullo é tan importante: porque non é un día, é un faro.
Ese facho alumea o noso Camiño, tanto o que percorremos xuntos cada día, como esa ruta xacobea da que somos destino e final, e que asombra cada ano milleiros de visitantes. Xa adiantei antes que era certo iso de que todas as olladas están sobre nós. Non só por seren un destino de récord, que o somos, senón porque hai tempo que Galicia deixou de refuxiarse nesta esquina do noroeste para erixirse orgullosa desde o seu balcón ao Atlántico. Somos a entrada a Europa, as miles de pontes físicas e emocionais con Portugal. Somos mar, terra e vento; pero tamén innovación, tecnoloxía e ciencia. Somos o que fomos e o que soñamos ser, sen renunciar a nada. Por iso, hoxe todos nos miran e admiran o noso novo rexurdimento, que vai do deporte á ciencia, ou da cultura á industria, para impulsarnos cara ao futuro.
Un futuro que está cheo de oportunidades, mesmo de máis das que agora mesmo somos capaces de imaxinar, do mesmo xeito que hai 20, 30 ou 40 anos era difícil concibir o lonxe que temos chegado. Hai unhas décadas case ninguén sería quen de adiviñar que hoxe Galicia tería hospitais que son referentes nacionais, que batería récords en exportacións, que sería das primeiras comunidades en recuperarse logo dunha pandemia mundial. Hai unhas décadas sería difícil de supoñer que hoxe Galicia sería pioneira en facer gratuíta a educación infantil de 0 a 3 anos, que os nosos maiores terían coidados na porta da casa ou que seriamos líderes mundiais en vacinación. E esa é a nosa grandeza: que chegamos ata aquí traballando con humildade, sen querer pasar por riba de ninguén. Sen espaventos e sen grandilocuencias, pero nunca baixando os brazos, nunca dando un paso atrás.
Porque se Galicia é algo, é teimuda. Teimuda na conservación da súa lingua e da súa cultura, teimuda no seu convencemento de que xuntos somos máis fortes, e teimuda nos seus principios de solidariedade e convivencia.
Hoxe, no Día de Galicia, reafirmámonos nesa teimosía tan nosa, tan única. Hoxe prendemos xuntos de novo o faro que marca o rumbo do futuro. É brillante e potente: igual ca este pobo.