omo desde hai uns anos non adoito viaxar moito en solitario, véxome na obriga de ter que recorrer a días feriados de todo tipo para poder facelo, o que, como todos e todas sabemos, restrinxe significativamente as opcións e coincide con desprazamentos maioritarios. É por iso que procuro elixir zonas -poucas hai xa- non sobresaturadas, ou combinalas con algunha destas nas que haxa algo que só poidas achar alí. Foi o que aconteceu nesta ocasión. Cinco días a repartir entre Cuenca e Madrid. Á cidade manchega había moitos anos que non ía e á capital de España -deixei de ir coa frecuencia coa que o facía hai poucos anos atrás- xa había un tempiño que non a pisaba. Parecía unha boa opción e, xa de volta, penso que así foi, mesmo co pequeno contratempo que supuxo ter que realizar en bus o tramo de Madrid a Cuenca, polo peche temporal da liña a Valencia, por mor da tremenda catástrofe que asolou a provincia. Sigamos construíndo nas beiras de ríos e mares, nos barrancos...
Cuenca é, sen dúbida, lugar que paga a pena -á marxe dunhas construcións interesantes- tanto para os amantes da natureza e da paisaxe, como para os das artes plásticas, que é máis o meu caso. Gusto da natureza mais onde haxa un bo museo alí me quedo. E en Cuenca hai cando menos dous: o Museo de Arte Abstracto Español e o da Fundación Antonio Pérez. Non os coñecía. Ambos albergan, fundamentalmente, obra de pintores españois do medio século, contrarios á ditadura, o que os levou a residir fóra de España, nomeadamente en Francia, en París; nomes deses que, con frecuencia, podiamos ver, temporal ou permanentemente, na Coruña nas instalacións do inicua e ignominiosamente desparecido MACUF. O benquerido Xavier Seoane sabía ben de todo iso. Obra de Torner, Viola, Millares, Saura, Teixidor, Guinovart, Tàpies, Canogar, Labra, Feito, Mompó, Antonio Lorenzo -no de Arte Abstracto había, ademais, unha temporal: “Retrato de un pintor con ideas”-, Zóbel -o iniciador do museo do Abstrato coa súa colección particular-... podemos gozala en ambos os museos.
No da Fundación Antonio Pérez, que se inaugurou en 1998, coa colección particular de quen lle dá nome, pódese ver tamén, de forma permanente, a exposición “Ruedo Ibérico : Un exilio intelectual en tiempos del franquismo”, unha excrelente mostra do que foi Éditions Ruedo ibérico, a editorial española fundada en 1961 en París por refuxiados españois para lle facer fronte ao franquismo coa edición de libros que se introducían e distribuían clandestinamente en España. Podo dar fe. Alí están esas publicacións e os Cuadernos, xunto con documentación orixinal e unha mostra de pinturas, deseños e gravados dalgúns dos artistas (Miralles, Saura, Zamorano, Ortega, Górriz) que colaboraron nas edicións. Ademais da importancia dos contidos está a dos continentes. O Museo de Arte Abstracto ubícase nas coñecidas Casas Colgadas, debidamente reformadas para un adecuado uso museístico. Encantoume. O museo da Fundación Antonio Pérez ocupa a casona que foi convento das carmelitas descalzas, construído no século XVI e, así mesmo, debidamente restaurado. Xa en Madrid, puiden ver, no CaixaForum, “Tiempos inciertos : Alemania entre guerras”, onde, entre o non escaso material pictórico que se exhibe, puiden desfrutar coa visión de obras dos meus admirados Otto Dix e Georges Grosz. Que pensarían de Trump? E da súa vitoria electoral? Mais dos días madrileños falarei noutra ocasión.