A Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol aplica un paquete de medidas para reducir as principais infeccións relacionadas con dispositivos de necesario emprego na súa Unidade. Son programas como o de "Bacteremia Zero", "Pneumonía Zero", "ITU Zero" e "Resistencias Zero", que acadaron a redución das infeccións na Área Sanitaria de Ferrol ata nun 40% dende a súa implementación. Sobre todo isto falou aos facultativos da Área, a especialista en Medicina Intensiva, María José Castro Orjales, nunha sesión clínica xeral que tivo lugar no salón de actos do Complexo. “Con estes programas buscamos un coidado limpo e seguro dos nosos pacientes”, remarca.
Trátase dun paquete de medidas elaboradas por expertos e con experiencia a nivel mundial, europeo e nacional, non só galego, con validez demostrada ó longo dos anos dende 2009, afirmou. “Este é un programa de seguridade para garantir unha atención de calidade ós nosos pacientes, pero non illado, inxírese no marco dun Plan de Seguridade Integral, que persegue promover e fortalecer a seguridade no traballo diario dunha UCI”, subliñou esta profesional. Avala isto que este Servizo é auditado nas súas accións relacionadas con estes programas activos. España en xeral, e Galicia e Área ferrolá en particular, están nunha situación óptima con respecto ós indicadores deste programa, pero esta profesional incide en que “hai que soster as accións, identificar erros e valorar oportunidades de mellora”, e iso “só se consegue con comunicación entre profesionais, traballo en equipo, e implicación de tódalas unidades de hospitalización, non só a propia UCI”, dixo.
Estímase que a nivel mundial ata un 15% de pacientes ingresados desenvolven unha infección mentres están hospitalizados, e a aplicación destes programas reduce o número de mortes, e de días de hospitalización considerablemente. Cómpre subliñar que a bacteremia e as pneumonías provocan un alto número de falecementos.
Segundo o estudo Envin, estudo nacional de vixilancia da infección nosocomial –a que se produce no ámbito hospitalario– son tres as principais vías de infección: a pneumonía asociada á ventilación mecánica, a infección urinaria relacionada coa sondaxe, e a bacteremia de catéter. Por iso, os programas desenvolvidos na UCI da Área céntranse nestes ámbitos de xeito especial, e tendo en conta que xa algúns pacientes teñen infeccións engadidas ou ingresan nestas unidades xa inmunodeprimidos ou fráxiles.
Outro dos grandes problemas, recoñecido pola OMS como unha das 10 principais ameazas de saúde pública a nivel mundial, é a resistencia a antimicrobianos. A loita, comentou en reiteradas ocasións, é conxunta, dende os gobernos lexislando; os facultativos e farmacéuticos, coñecendo tódolos aspectos relacionados cos antibióticos para unha mellor prescrición; e ata os propios pacientes, que non deben automedicarse, e si cumprir perfectamente as pautas indicadas polos profesionais.
No tocante ás medidas concretas que se aplican, cómpre citar que “Bacteremia Zero”, que se aplica dende o 2009, establece un paquete de medidas a seguir para a prevención da bacteremia relacionada con catéter en UCI, e acadou unha baixada do 41% en mortalidade e estancias. “Pneumonía Zero” refírese a prevención das pneumonías relacionadas coa ventilación mecánica, acadando un 46% de redución en mortes e estancias. Pola súa parte, “Resistencia Zero”, como programa para control de patóxenos multirresistentes, vai unido ós grupos PROA, aos que fixo especial mención a especialista, “como actores fundamentais fronte ós antimicrobianos”
Un grupo de profesionais, que tratan infecciosas, farmacia e microbioloxía, é o que traballa no Complexo dende o ano 2012 no asesoramento e no axuste dos antibióticos á infección con intervalo de tempo, dose, e retirada axeitada dos mesmos, entre outras moitas cousas. “A ITU Zero” (Infección do tracto urinario) contempla un paquete de medidas no ámbito da infección urinaria relacionada coa sonda uretral, xa que o 70% destas infeccións están relacionadas con este tipo de sonda urinaria; e estímase que o 16% dos pacientes terá unha sonda uretral na súa estadía hospitalaria.
María José Castro Orjales foi pormenorizando un por un estes programas, recordando e facilitando ós profesionais da Área presentes nesta sesión xeral, as accións e técnicas consensuadas coa evidencia científica que axudan a reducir todas estas infeccións.
En total, son case medio centenar de accións relacionadas coa limpeza de materiais, aprendizaxe e formación na colocación e retirada dos mecanismos, accións recomendables para o seu mantemento, entre outras moitas accións. Mencionou Castro Orjales unha común a tódolos programas, que ten o seu propio día mundial, e que está detrás de toda acción sanitaria, a hixiene de mans, que non por sinxela é menos importante e resulta básica.
Estas medidas amósanse efectivas polo que é necesario sostelas no tempo e que os novos profesionais as coñezan para a súa aplicación diaria. “Trátase de enfatizar e cambiar moitas das nosas accións para mellorar aínda máis a seguridade do paciente”, concluíu a facultativa.
A Xunta de Galicia volve a sacar a licitación a limpeza dos hospitais de Ferrol por casi 13 millóns de euros, logo de presentarse alegacións. O contrato en cuestión abarca ao Arquitecto Marcide e o Centro de Especialidades, o Novoa Santos e o Hospital Naval, cunha superficie total de 59.036 metros cadrados. De estes, 3.641 se corresponden cunha zona de risco alto. O contrato implica a limpeza de tódalas superficies así como a retirada de residuos, sacos de roupa, estores e cortinas de separación, aseo das habitacións do personal que pernocta nos hospitais; suministro, mantemento e reposición das unidades hixiénicas, material de aseo, enfundadoras de paraugas e dos elementos estructurais que contribuen á hixienización como escobillas ou felpudos. Tamén se deberá ter en conta o desenvolvemento do Plan Director, que pode obrigar á reubicación de servizos e peches así como aperturas de superficies nos diferentes centros.