O pintor do barrio de Canido Rafael García Climent exhibe dende onte, e durante todo este mes de febreiro, na galería da Casa do Concello de San Sadurniño. Trátase dun artista, discípulo de Manuel Carballeira, que representa persoas en distintas situacións e contextos, habitualmente sobre paisaxes urbanas, utilizando sempre o realismo figurativo.
Aínda que sempre tivo predilección polas artes gráficas e plásticas, o pintor comezou a poñer en práctica a súa paixón recentemente, hai arredor de dez anos, cando as súas obrigas profesionais posibilitaron o tempo que precisaba.
A colección que se mostra na galería sadurniñense constitúe soamente unha pequena parte da súa obra, que na súa maioría está elaborada coa técnica do óleo sobre lenzo ou táboa. Ademais, García Climent tamén se sumou á acuarela, “coa que me sinto tamén moi cómodo”.
En todo caso, o artista utiliza un estilo “realista, figurativo e de temas urbanos”, co que trata de enxalzar o valor dos temas cotiás e a busca da captura do instante axeitado. A exposición abrirá de luns a venres, entre as 8.30 e as 14.00 horas.