Alberte Momán: “Vattene! é unha metáfora da desaparición da clase media”

Alberte Momán: “Vattene! é unha metáfora da desaparición da clase media”
verónica martínez e alberte momán presentaron “vattene!” en ferrol j.m.

O escritor ferrolán Alberte Momán vén de editar “Vattene!”, a súa terceira obra narrativa, na colección Q de Vian Cadernos (do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar). O venres presentábao no Ateneo Ferrolán e en vindeiros días farao en Arteixo e tamén no museo Marco, en Vigo. “É unha novela curta, un relato longo, no que se descrebe a viaxe dunha persoa que, por motivos alleos a ela, pérdeo todo e pasa dunha situación de comodidade a ter que experimentar unha realidade totalmente nova, partindo de cero”, explica Momán sobre o texto.
A nivel persoal, é a metáfora “dunha persoa que recupera a vista despois dunha cegueira prolongada”. Ten tamén unha lectura relacionada coa situación actual, vencellada “ó que chaman desaparición da clase media, que vivía nun aparente equilibrio e que, polo neoliberalismo, comeza a perdelo e vese nunha situación nova. Caeu esa espada de Damocles que ameazaba con que podía perdelo todo en calquera momento”.
Esa situación na que o protagonista ten que descubrir dunha maneira diferente o que o rodea, esa crise vital, pode ter un resultado construtivo, “pero para iso temos que empezar a tomar decisións”, comenta o autor. “Pode ser unha oportunidade de transformación se somos capaces de tomar as sendas adecuadas, pero é moi difícil saber por que camiño ir”.
En “Vattene!”, que “é unha expresión italiana que significa arrédate, vai de aí”, hai influencias do surrealismo de Eugenio Granell, un autor que influíu de forma moi directa a Alberte Momán. “La novela del indio Tupinamba” foi un descubrimento importante que me marcou”, asegura.
Momán, que se sente máis cómodo na escrita poética, decantouse nesta ocasión pola narrativa para poder desenvolver do xeito que necesitaba as ideas que agroman neste traballo. “Pero sempre con matices poéticos”.
Este ferrolán nacido en 1976 deuse a coñecer en 2003 con “O lobo da xente”, co que gañou o Premio Narrativas Quentes. Despois virían “O alento da musa”, “Ferrol e o que queda por chover”, “Erótica”, “Baile Átha Cliath”, “A crise irredutible”, “Por unha palabra tan só. Poemas para @s máis nen@s” e “Os quilómetros que percorremos desde aquela”. Participacións en volumes colectivos e diversos premios súmanse a esta traxectoria, que conta ademais cun proxecto editorial propio, O Figurante. “A edición independente está dando un salto positivo, aínda que é un proceso lento. Os lectores que buscan unha literatura diferente, os máis audaces, cada vez van descubrindo máis propostas deste tipo”, explica Momán. Ata o de agora editou “Planh. 10 poemas de Anne-Marie Cazalis”; “Lusocuria”, da valdoviñesa Verónica Martínez Delgado; e “Éirí Amach: Os poetas do alçamento da Pascoa de 1916”. A través de www.ofigurante.eu pódense mercar estas obras e outras que están en catálogo. “Vattene!” está ademais nas principais librarías do país.

Alberte Momán: “Vattene! é unha metáfora da desaparición da clase media”

Te puede interesar