O 11 de novembro de 1989 iniciaba as súas emisións Radio Eume. Desde aquel momento esta emisora municipal con sede na Casa do Concello deu conta do día a día do que acontecía nas Pontes e, por suposto, aos ponteses. Xose Cendán, hoxe director da canle radiofónica, é dos poucos daqueles comezos que aínda segue a traballar na emisora. Por iso decidiu conmemorar eses 24 anos de historia facendo o que mellor sabe facer, levando un programa. Claro que non foi un programa calquera, desta volta, a emisión durou xusto 24 horas e seis minutos, o tempo preciso para bater o récord do mundo, que ata o día 11 era dun periodista australiano que acadara esa marca nunha entrevista –neste caso a unha soa persoa– a un escritor. Cendán asegura que “en ningún momento me propuxen bater ningunha marca, xa fixeramos outro programa de 22 horas noutra ocasión, ese non era o obxetivo”. De feito o director de Radio Eume asegura que a idea foi a de “reinvidicar o papel da radio pública na sociedade nestes momentos complicados que nos toca vivir”.
Xose Cendán tamén se mostrou tremendamente sorprendido coa resposta, “espectacular”, da xente e, aínda máis, coa cobertura mediática. “Vivimos conexións en directo coa Radio Galega, Radio Coruña e tamén Radio Nacional. O feito de que estas canles deran conta do que acontecía nas Pontes supuxo que a cobertura pasase de local a internacional, atendendo chamadas de “tódolos continentes salvo da Antartida”, matizou Cendán, quen sinalou que a xente foi “escandalosamente solidaria” coa iniciativa. “Ata aquí viñeron antigos colaboradores, veciños, deportistas, moreas de persoas que nos arrouparon na tarde, na madrugada, nos momentos nos que poderiamos estar máis faltos de contidos, pero iso non aconteceu”, sinalou o director de Radio Eume. Compre sinalar que o programa saíu adiante sen producción previa, e que aínda así todo foi saíndo rodado. “Houbo tal ritmo que non tivemos tempo para percibir esgotamento ou aburrimento”, explicou Cendán.
A emisión especial comenzou ás 00.00 horas do luns 11 de novembro, desde aí, todo se foi sucedendo sen atrancos e grazas a colaboración, sobre todo, da veciñanza, deses oíntes que sempre están aí e non ía ser menos o día do 24 anivesario da emisora municipal. Calquera que o desexou tivo os microfónos do 107.5 abertos en todo momento.
Así, xunto con Xose Cendán poñendo a voz, no control técnico contouse con Ángel Prieto e Roberto Rego, aos que ao longo do día sumáronse tamén de xeito desinteresado Miguel Bouza e Miguel López. Ante os micros tamén estiveron Pepe Capelán, Fernando Fresco, Javier Pérez Javichín, Marcos Mella e Noé López Valiña. Pasaron pola emisora o alcalde, Valentín González, xunto e a edila Montserrat García, que coincidiron á hora de definir Radio Eume como un servizo público para os cidadáns.
24 horas e 6 minutos deron para moito, para falar de política, dos plans municipais para o Nadal, de actualidade musical, cine, teatro, relixión, uso do galego e unha morea de asuntos. Especialmente destacadas foron as conexións –segundo o propio Cendán, nalgún intre coincidiron tantas chamadas que foi necesario filtrar e devolvelas máis tarde– cos ponteses que viven na diáspora. Foi posible falar con moitos deles, das súas lembranzas da terra e da radio municipal e as súas novas vidas en puntos do planeta como Australia, Dinamarca, Polonia ou Arxentina. 24 horas que deron para moito, e máis.