“Ferrol era un poboado pequeno arrodeado de auga ao que os piratas ían repoñer mercadorías. No centro do poboado había un castelo feito e caramelos e nel vivía unha princesa que lle chamaban Doce...”. Así comeza a narración creada de xeito colectivo polos alumnos de entre 8 e 12 anos dos cinco centros educativos da cidade que tomaron parte no “Conto Viaxeiro”, unha actividade promovida desde a área de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol co principal obxectivo de fomentar o emprego do galego.
Onte, tocoulle a un dos grupos de sexto curso do CEIP Isaac Peral poñer fin á obra, que poderá ser lida a escoitada –pois tamén foi gravada en audio– a través do blog http://contoviaxeiroferrol.wordpress.com.
Xunto a este implicáronse tamén na proposta os colexios de Recimil, Terra de Ferrol, Esteiro e Cruceiro de Canido. Desde o pasado 15 de outubro, o conto foi pasando polos diferentes centros para recoller as creativas achegas dos escolares, xa que ademais do texto, os rapaces elaboraron tamén as ilustracións. Así, e durante case dous meses, foron fiando a historia que onte chegou á súa fin e que, serviu, entre outras moitas cousas, para profundizar no traballo en equipo.