A Fundación Artabria responsabiliza á actual corporación de Ferrol e ás anteriores de manter unha postura pasiva respecto do idioma galego que permite “que o grupo ultra Ciudadanos ataque frontalmente o dereito colectivo do noso pobo á lingua propia”. Faino a raíz da moción que presenta este partido (cunha concelleira) para o seu debate no pleno ordinario do xoves, na que pretenden suprimir varios artigos da actual ordenanza de Normalización Lingüística.
Para Artabria, unha das asociacións culturais máis activas da cidade, esta iniciativa municipal é “abertamente antigalega” e “pretende suprimir o galego da precaria cooficialidade recoñecida por esa institución”. Que xordan propostas deste tipo tras case dúas décadas desde a aprobación da ordenanza é, para esta entidade, a mostra de que é necesario “un compromiso real do Concello de Ferrol co noso idioma”. “En Ferrol xa gobernaron tódolos partidos posibles e ningún deles asumiu ese compromiso”, afirman nun comunicado de prensa, aínda que aclaran que “non foron igual os gobernos do PP e IF que os do BNG, EU ou mesmo o PSOE”. Porén, para esta organización “o galego non deixou de ser un recurso retórico” e non chegou a contar “cun plan de actuación efectivo en áreas concretas para conseguir darlle o lugar que merece na institución municipal e na sociedade ferrolana”.
Critican que o actual goberno non presentou aínda “ningunha medida significativa para mudar a gravísima situación de perda de falantes e a sutil, mais implacable, invisibilización social do noso idioma en Ferrol”.