Fermín Bouza Álvarez na memoria e un acróstico

Fermín Bouza Álvarez na memoria e un acróstico
20 febrero 2011 página 29 La galería Madrid.- Catedrático de Socioloxía da universidad Complutense de Madrid, Fermín Bouza Álvarez

O pasado día 29 finou en Madrid Fermín Bouza Álvarez. Ás 20:59, recibín a mensaxe do seu fillo. Fermín tiña o pelo roxo como o Apóstolo do Altar Maior da Catedral de Compostela. Foi sempre unha persoa comprometida politicamente, e fuxiu para Madrid cando a policía franquista o buscaba en Santiago durante o estado de excepción en 1969.
Era Catedrático de Socioloxía na Universidad Complutense, explicando moi ben, como profesor, todo o relativo á Opinión Pública. Durante moitos anos, tivo a capacidade de inducir nos seus alumnos o deber de ser críticos, e que nunhas aulas non soamente se deben aprender teorías e métodos, senón que é totalmente preciso saber esbozar interrogantes que abran novos camiños nos conceptos e nas análises.
Fermín era deses profesores que suscitaban o afán de ler, reflexionar, discutir e abrir novas perspectivas e formas de entender as partes e o todo. A súa obra científica está publicada nun gran número de monografías, capítulos de libros e artigos en revistas científicas. Tamén foi colaborador en prensa, radio e televisión. É preciso facer mención ao seu blog El voto con botas, onde as súas atinadas reflexións facían emerxer múltiples e interesantes comentarios.
Fermín Bouza era un excelente escritor de literatura, e publicou tres novelas, eu diría que vangardistas. En galego, podemos ler Memoria do diaño e Longo voo do paxaro e, en castelán, saíu do prelo Las bodas secretas de Lilia. Pero, sobre todo, foi un grandísimo poeta, e así debemos destacar que o seu libro Labirinto de inverno foi premio da Crítica española en Lengua Gallega.
Eu tiven a sorte de que fose o director da miña tese doutoral, e que escribira o capítulo dun libro que eu coordinei sobre O Camiño Portugués. Tamén fixo o epílogo dun libro meu de poemas editado en 1996 por Espiral Maior. Neste libro teño un poema onde xunto, nunha casa común, a moitos poetas galegos, e tres versos din: e dende Madrid virán Fermín e Rivas/nun longo voo de paxaro/comendo saquetos de patacas. Coñeciámonos dende hai moitos anos, e a súa familia e a miña, cando no verán viñan para Pontedeume, temos paseado, parolado e xantado xuntos. Carmen e Fermo están neste intre na miña memoria.
Fermín tiña unha estreita relación con Ferrol e toda a bisbarra ata o Eume. Sabía moi ben da loita obreira e sempre

 

estaba disposto a vir a este Ferrol dos traballadores que así chamaba Uxío Novoneyra. 
No anteriormente mencionado epílogo fala Fermín de Daniel e Amador, os dous traballadores abatidos pola policía. Deu conferencias na Facultade de Humanidades e Documentación e no Ateneo Ferrolán. Escribiu na revista Ferrol Análisis, e era colaborador habitual nos cursos Carlos Gurméndez que, organizados pola Universidade da Coruña e o Clube de Prensa de Ferrol, se desenvolvían tódolos veráns no Concello de Pontedeume.
E, para acabar, teño a sensación de que se transformou nun cometa que amosa as súas luces polos buracos do planeta, aínda que penso tamén que pode ser un papaventos que brinca en reviravoltas, empuxado polo Vento do que nos falaba León Felipe Camino Galicia.
Estanse a preparar diversas homenaxes. Eu agora cambio de rexistro, e desexo rematar este artigo cun acróstico na súa honra.

 


 

Faro que alumea as mentes
entendendo as demandas de cadaquén,
ronsel que sinala vieiros no océano
marcando, nos teus alumnos, interrogantes;
ígneo Ulises buscando a súa Ítaca,
navegante cometa de luces polos buracos do planeta.
Beira que olla os remuíños dos ríos
observando neles os cotiáns conflitos;
un compañeiro nos tempos de lecer
zoupando sempre aos círculos do poder;
abres paseniño os fíos de Ariadna.
Ás do paxaro de longo voo,
labirinto que amosa a saída do inverno,
visión en Las bodas secretas de Lilia, onde está un só,
a memoria dun país de diaños nos montes,
roxos cabelos sen peaña no Altar Maior;
exiliado co seu país no interior
zoando o Vento do Camiño e de León Felipe.


 

Fermín Bouza Álvarez na memoria e un acróstico

Te puede interesar