As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar serán as homenaxeadas polo Concello de Ferrol este 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Con esta decisión quérese poñer o foco sobre a importancia dos coidados e do acompañamento ás persoas que o necesitan, sobre todo no contexto da pandemia, centralizando neste servizo que prestan mulleres o peso que caeu sobre todas elas nos últimos meses, retrocedendo nos avances de emancipación acadados nos últimos anos. O acordo do Consello Sectorial da Muller foi unánime.
A concelleira da área, Cristina Prados, explicou que se trata de “recoñecer o labor dun colectivo 100% feminizado, altamente entregado e preparado”, valorando “a implicación durante a pandemia dunhas traballadoras das que nos sentimos moi orgullosas”. Fan, di Prados, “un grande esforzo ao poñerse na primeira liña de batalla pola Covid-19”.
A responsable de Benestar Social, Eva Martínez, destacou a súa “importante labor” e tamén que se trata dun “colectivo precarizado” laboralmente. Por iso, apuntou, o prego para a adxudicación do servizo inclúe melloras “tanto laborais coma no ámbito da formación”.
Valorou a decisión do Consello Sectorial e louvou o traballo que desenvolven estas mulleres, “especialmente neste momento de pandemia, mantendo o delicado coidado e atención dos nosos familiares máis vulnerables”.
Proposta de Ferrol en Común
O grupo municipal de Ferrol en Común agradeceu nun comunicado o apoio ao recoñecemento do traballo da SAF, unha propota que foi levada ao Consello por esta formación. “Desde Ferrol en Común propuxemos ao Consello Sectorial de Muller dirixir esta homenaxe cara a colectividade das mulleres que durante este ano padeceron as consecuencias sociais da pandemia e que se ven representadas no colectivo de traballadoras de atención a domicilio”, apuntan.
“Non podemos máis que agradecer os apoios recibidos no Consello”, engaden.