Se botamos man das hemerotecas –para quen non teña memoria sobre o acontecido- poderemos ver que os manifestos en defensa do sector naval como piar da nosa economía foron tantos como os imcumprimentos dos diversos gobernos do Estado e da Xunta coa nosa comarca. Agás un período no que houbo unha iniciativa –pilotada desde o concello de Ferrol, cun alcalde do BNG– que fixou un programa de prioridades no tocante a infraestruturas e obrigou á Xunta a concretar investimentos e prazos; o certo é que a defensa dos nosos sectores produtivos ficou dispersa en cíclicos pronunciamentos – ás veces vinculados a procesos electorais ou dinámicas sindicais- con data de caducidade limitada.
Hai un dito que fala de que quen non coñece a historia está condenado a repetir os seus erros. Por iso, para falar do que acontece na comarca no ámbito económico-social hai que ter claro de onde ven todo isto. Non se trata de desempolvar argumentos revanchistas, senón máis ben de situar con claridade as decisións que provocaron o desmantelamento industrial da comarca, o abandono dos sectores produtivos e o drama demográfico que afecta á vitalidade da nosa sociedade.
Por iso, para saber o que hai que facer, é importante saber o que se fixo mal. E o desmantelamento da construción naval civil na ría –é importante lembralo- é resultado de decisións políticas adoptadas/permitidas polos diversos gobernos do Estado, cun goberno galego mirando maiormente para outro lado. Decisións políticas que tiveron aliados –por activa e por pasiva- en dinámicas dalgúns sindicatos que, á vista dos feitos, non apostaron a fondo pola defensa do naval. A finais dos 80, un importante líder sindical tentaba “vender” o proxecto da SIV (Sociedade Italiana do Vidro) como alternativa ao desmantelamento de Astano. O mesmo sindicato seica anda hoxe moi empeñado en que esas instalacións se vinculen en exclusiva ao sector eólico…
E, mentras que o naval estaba a recuperar posicións -mesmo reabrindo antigos asteleiros- en países de Europa, na ría de Ferrol seguen pesando os vetos para que as posibilidades –singulares e inmensas- que oferecen os dous asteleiros da ría permitan funcionar coma un complexo integral e abarcar desde a construción naval civil ás reparacións, pasando polo off-shore, turbinas, etc…Porque facer depender a actividade de Navantia exclusivamente do militar resulta tan errático coma irresponsábel; e o retraso na construción das F 110 é un exemplo de que ese nicho está vinculado a intereses políticos e non a claves estritamente produtivas e empresariais.
A cuestión fundamental é se asumimos ou non o carácter estratéxico que o naval ten para Galiza e, especialmente, para a comarca. Se é así – máxime nun momento de incertidumes e riscos que se derivarán da actual pandemia- non queda outra que implementar políticas públicas de apoio aos sectores que, coma o naval, poden e deben actuar coma tractores para o desenvolvimento socio-económico da comarca. E para iso, o fundamental e liberar os corsés e vetos, deixandonos producir e sermos competitivos.
Se sempre debería ter sido así, o certo é que agora máis ca nunca hai que rachar a política de xestos e activar a dos compromisos. A política, si, a de verdade. A que ten que server para solucionar os problemas da xente, e non para narcotizala. O papel aguanta todo, e de nada serve que as alcaldías asinen manifestos en defensa da comarca, se logo os partidos aos que pertencen incumpren (mírese os orzamentos do Estado e os da Xunta para o 2021) dun xeito reiterado e indigno. E precisamos resolver esta anomalía.
Por iso, nunha situación excepcional e mesmo de emerxencia para a comarca, cúmpre ambición e contundencia na defensa do noso futuro; e para iso non serven receitas caducas. Declarar, movilizar, son obxectivos ocos se non levan emparellado o de acadar e facer cumprir medidas concretas. No naval, no enerxético, nos sectores primarios coma o marisqueo, pesca ou agro, no pequeno comercio e hostalería e no cerco ao drama demográfico. Hai anos que comentei neste mesmo xornal que había quen confundía unidade con impunidade. Agora digo que teñamos coidado en non converter as manifestacións en manifrustracións….