O Festival Internacional do monólogo teatral “Singular” encara a súa recta final. Tres espectáculos pecharán esta fin de semana un programa iniciado hai varias semanas impulsado desde o Padroado da Cultura de Narón coa colaboración da Rede Eurolatinoamericana de artes escénicas (Redelae); a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
Tres compañías protagonizarán estas derradeiras citas. Trátase das galegas Artesacía e Eme2 Produccións e a chilena La llave maestra.
A actividade comezará o venres, no Pazo da Cultura, co monólogo “Chola a it girl”, protagonizado pola actriz Laura Villaverde. Esta cita coa compañía Artesacía será ás 20.30 horas e o público poderá gozar no decurso da mesma dunha peza baseada nas novas tecnoloxías. A protagonista, Chola, é contratada por un teatro para realizar un titorial en directo para amosar nuns poucos pasos como converterse nunha “it girl” do mundo rural. Unha chamada telefónica dará un xiro inesperado a esta historia para amosar a humanidade e imperfección da protagonista.
Sábado
O sabádo subirase ao escenario do Pazo a actriz Edurne Rankin, que chega a Narón da man da compañía chilena La llave maestra. A función dará comezo ás 20.00 horas, momento a partir do cal desenvolverase un monólogo baseado en textos creados especificamente para render tributo aos nenos e nenas que viaxaron a bordo do Winnipeg, un barco que transportou cara a Chile a milleiros de españois exiliados trala Guerra Civil española.
Domingo
O programa do “Singular” pecharase o domingo coa representación do monólogo “Semente”, da compañía galega Eme2 Produccións. Será ás 18.00 horas no Café Teatro do Pazo. A peza enmárcase no festival “Singulariño!”, dirixido a público familiar e infantil. A actriz Mercedes Castro achegará así ao público unha historia centrada no poder que o ser humano ten para influenciar ao mundo ao seu arredor. A montaxe conta a historia dun home humilde e o seu esforzo por facer do lugar no que vive un lugar especial.
As entradas dispoñibles, ata completar o aforo permitido, poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura, de luns a sábado, entre as 9.30 e as 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e os domingos e festivos unha hora antes do comezo do espectáculo. Tamén poden mercarse a través da web do Padroado.