O Parlamento recoñece o compromiso e o legado galeguista da Xeración Nós

O Parlamento recoñece o compromiso e o legado galeguista da Xeración Nós
Miguel Santalices e Alberto Núñez Feijóo, cos representantes da Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco/EFE/Lavandeira jr

As fundacións herdeiras da Xeración Nós recibiron este martes a Medalla do Parlamento de Galicia 2021 en recoñecemento ao compromiso e ao legado 'galeguista' do grupo de intelectuais máis relevantes da historia da cultura galega.


Co galardón recibido hoxe, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco dan continuidade á memoria e ao labor dos 'galeguistas' que conformaron a Xeración Nós.


Integrados no grupo Nós, que conformaban, entre outros, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas e Castelao, esta xeración de dinamizadores e creadores galegos, ademais de protagonistas da vida política do momento, desempeñaron un papel fundamental no ámbito cultural, social e político galego entre os anos 1920 e 1936.


Pola súa lealdade e servizo a Galicia e á causa galeguista, e pola súa vocación vangardista e cosmopolita, a Mesa da Cámara autonómica acordou por unanimidade conceder o galardón ao legado daqueles intelectuais, que considera "semente" da autonomía política galega.


A institución parlamentaria recuperou na mañá de hoxe a cita de entrega dos seus galardóns, que este ano coincide co corenta aniversario da promulgación do actual Estatuto de Autonomía, despois da imposibilidade de celebrar a edición anterior por causa da covid-19.


Nun acto celebrado no hall da entrada principal da sede parlamentaria e respectando as medidas sanitarias establecidas polas autoridades con motivo da pandemia, a cita rexistrou por este motivo un aforo moito máis reducido que en anos precedentes.


Foi a gaiteira Susana Seivana a encargada de poñer a música a esta cerimonia de entrega das Medallas do Parlamento galego, que abriu con ' Foliada do quinteiro' e interpretou desde o mesmo salón de plenos do Lexislativo autonómico.


Na súa intervención, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que "a consagración constitucional" do autogoberno galego ten un precedente cen anos atrás na Xeración Nós. "Non é arriscado dicir que Galicia non sería o que é hoxe sen o traballo e esforzo daqueles antepasados que nos marcaron o camiño", destacou Feijóo.


Puxo de manifesto o máximo mandatario galego o carácter integrador da Xeración Nós, ao lembrar que desde a súa acta constitutiva "preocupouse por proclamar" o seu carácter non excluínte. "Non se trata dun club elitista situado no olimpo, senón de intelectuais cun fondo arraigamento popular que acoden ao pobo coa modestia necesaria para aprender", subliñou.


" Nós é un pronome que nos representa a todos; dentro de Galicia non existe un 'eles' do que nos separe un muro infranqueable. Galicia non se define por oposición ao distinto, defínese por agregación de vontades, pola suma de afectos", afirmou Feijóo.


Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, dixo que cos galardóns hoxe entregados o Lexislativo quere recoñecer "a semente do cosmopolitismo, europeísmo e vangarda" que os integrantes da Xeración achegaron á cultura galega fai agora cen anos, "sempre coa lingua como bandeira", en referencia ao movemento que tivo como epicentro a revista Nós.


Aos integrantes da Xeración Nós e aos seus discípulos e colaboradores definiunos Santalices como "auténticos heroes aos que debemos eterna gratitude".


O presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, que recolleu unha das Medallas concedidas polo Parlamento, despois de protagonizar a anécdota da xornada ao ser omitido inicialmente, destacou que a Xeración Nós conseguiu un "verdadeiro milagre".


Ese milagre é que cen anos despois "nós os galegos podamos estar a falar de nós: Galicia, unha nación", dixo, en recoñecemento á débeda con esa xeración de intelectuais ao agradecer o galardón.


Tamén o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco Cid, manifestou a súa "satisfacción, agradecemento e compromiso" ante este recoñecemento da Cámara galega, que para Ana Patricia Torres Madureira, da Fundación Antón Losada Diéguez, é "un gran máis de area para o recordo e posta en valor" do grupo de intelectuais que "cambiou Galicia".


Por último, a presidenta Fundación Vicente Risco, Celia Pereira Porto, dedicou a medalla "a todas as persoas que viven e traballan en galego", ao destacar que son elas as que "dan sentido" á Xeración Nós e "fan que sexa presente e futuro". 

O Parlamento recoñece o compromiso e o legado galeguista da Xeración Nós

Te puede interesar