As artes escénicas tomarán de novo a cidade ferrolá en Fóra do Mapa

As artes escénicas tomarán de novo a cidade ferrolá en Fóra do Mapa
Antonio Golpe xunto a Cristina Moreira, coordinadora do Festival, na rolda de prensa celebrada onte | jorge meis

Fóra do Mapa é un festival que naceu para a cidade, para poñer en valor espazos singulares dun xeito tamén singular, a través das artes escénicas contemporáneas en diferentes formatos e coa participación de artistas tanto locais como procedentes doutros lugares.


O programa, coordinado pola actriz Cristina Moreira, celebrará a vindeira semana, entre o martes e o domingo, a súa quinta edición. A cita convidará un ano máis a gozar dos espectáculos, a reflexionar, ao encontro entre os participantes e asistentes e, sobre todo, a comezar o Nadal con grandes doses de positivismo, que é o que este festival pretende tamén.


A inauguración terá lugar o martes, ás 20.00 horas, no centro cultural Torrente Ballester, coa “performance inmersiva” de Rubén Darío, na que o público terá un papel activo a través das visitas que se poderán realizar nas xornadas do mércores ao venres de 18.00 a 20.00 horas e o sábado (con actuación de dj Libredón incluído) de 12.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. “A diferenza doutros anos, a tradicional exposición plástica de Fóra do Mapa será inmersiva, é dicir, vaina facer o propio público”, explicou Moreira. Consistirá nunha “performance” sobre a que se irá compoñendo un resultado final ao remate do festival.


O colexio Tirso de Molina será o mércores o escenario de celebración do espectáculo “Guerra de identidade” de Déborah Vukusic (20.30 horas). O xoves (20.30 horas no Ateneo Ferrolán), o festival permitirá á ferrolá Carolina Garel, residente en Francia, actuar por primeira vez na súa cidade natal coa súa proposta “Récital... en grève!”.


Teatro miúdo

As sesións de microteatro darán comezo o venres con tres pezas: “Ego”, a cargo de La sombra del oso, na sede do Toxos e Froles; “Paraíso”, de Fran Nogueira e Lidia Veiga (Jofre); e “Souvenirs”, de “El mono habitado”, no Antigo Hospicio. Haberá pases ás 18.00, 18.45 e 19.30 horas.


O sábado, o teatro miúdo chegará, con idénticos horarios, a outros tres espazos da cidade. No Manchita Cosa, a recoñecida actriz ferrolá Mabel Rivera achegará a súa peza “GPS”, creada especificamente para o festival. No Casino Ferrolano actuará Helena Varela, con “A partida”; e o Concello ferrolán acollerá a representación de outra recoñecida ferrolá, Luma Gómez, coa peza “Polo de Fraco”.


“Este ano quixemos facer tamén unha homenaxe ás mulleres do teatro”, comentou onte Moreira, que salientou a participación tanto de Rivera como de Gómez.


Completan o cartel de Fóra do Mapa outros tres espectáculos. O venres, ás 21.00 horas, El Pollo Campero permitirá ao público descubrir algúns dos lugares máis agochados do Jofre no decurso da peza “Las actrices siempre mienten”. O sábado, á mesma hora, Nuria Vil e Morlitam porán en escena “Imaxinábaa”, para pechar o cartel o domingo, ás 13.00 horas no Mercado da Magdalena, coa Cía Impàs, que achegará ao público a peza “Kintsugi”.


Obradoiro

Fóra do Mapa reservará tamén un espazo, como é habitual, para a formación, ofrecendo así a posibilidade a artistas profesionais da cidade de seguir medrando a través dunha formación artística de calidade que “lles permitirá tecer fíos entre eles, sentirse parte do festival, e así, enriquecer o panorama cultural da comarca”.


Desta volta, o encargado de impartir a formación será o director, autor e actor de longa traxectoria Andrés Lima, da compañía Animalario, recoñecido ao longo da súa traxectoria co Premio Nacional de Teatro 2019 e cinco premios Max, entre outros. “É un luxo telo en Ferrol”, salientou onte Moreira. A actividade ofertará doce prazas e estará aberto tamén a ouvintes. A matrícula e información para asistir a esta acción formativa será a través do mail foradomapaferrol@gmail.com.


Para asistir ás pezas do festival haberá que reservar entrada en reservasforadomapa@gmail.com, indicando nome, apelidos e teléfono de cada asistente.


A coordinadora do evento destacou así mesmo a gran fidelidade e continuo incremento do público de Fóra do Mapa, un festival que polo seu característico formato está a ser tamén moi coñecido máis alá da cidade e da comunidade galega.


O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, valorou un festival que pon en valor as artes escénicas así como o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade. Explicou ademais que este ano buscouse adaptar as representacións á situación sanitaria, optándose por espazos non tan reducidos como en anteriores ocasións pero tamen valiosos e dignos do festiva, según Moreira.

As artes escénicas tomarán de novo a cidade ferrolá en Fóra do Mapa

Te puede interesar