Prantas medicinais para estrear o horto da Escola de Idiomas de Ferrol

Prantas medicinais para estrear o horto da Escola de Idiomas de Ferrol
Algunhas das persoas implicadas na posta en marcha do pequeno horto instalado no patio da EOI de Ferrol | jorge meis

No patio interior da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol medrarán este curso prantas medicinais que se poden atopar no decurso do Camiño Inglés. Con algunhas destas e outras variedades –como xeito tamén de celebrar o fin do Ano Xacobeo– quixo estrear o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro ferrolán o pequeno horto posto en marcha este curso con varios obxectivos: aproveitar parte do espacio interior das instalacións, visibilizar á produción autónoma e, por suposto, fomentar o emprego da lingua galega entre os membros da comunidade educativa.


A todos eles está aberta unha iniciativa que botaba a andar hai unhas semanas coa semente de especies como romeu, ourego, aloe vera, tomillo, lingua de vaca, malva silvestre, menta, labaza ou macela, todas, salientan os promotores da proposta, con aplicacións medicinais. A intención é continuar prantando neste pequeno recuncho natural outros produtos de alimentación como acelgas, leitugas ou nabizas, entre outros.


“Apetecíanos moito aproveitar o patio, darlle este uso e que a xente vexa que pode sacar os produtos da terra”, comentan desde o EDLG. Para a posta en marcha da actividade contaron ademais co asesoramento do equipo do horto urbano de Canido. “As persoas que desexen participar na actividade non teñen que ter coñecementos previos; entre todos iremos plantado o horto, que trataremos de planificar en función da temporada”, sinalan.


Outras propostas


Mais non será esta a única actividade que ten previsto realizar este curso o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, integrado por docentes de diferentes linguas, alumnado e persoal non docente que forman parte da comunidade educativa da EOI. Algunha xa está en marcha, como o ciclo de cine desenvolvido en colaboración coa sala ferrolá Dúplex ou os roteiros polo “Ferrol rebelde” que poñen en valor a loita obreira na cidade naval e que terán lugar en novembro da man da cooperativa ferrolá Rexenerando.


A celebración do magosto, tamén o vindeiro mes; os clubes de lectura; ou roteiros literarios serán outras das propostas a celebrar no curso actual, entre outras actividades.


Potenciar o galego oral no centro, procurar que a comunidade educativa desenvolva unha actitude positiva cara esta lingua e concienciar da importancia de preservar o medio natural son algúns dos obxectivos deste dinámico e activo equipo. 

Prantas medicinais para estrear o horto da Escola de Idiomas de Ferrol

Te puede interesar