25 Aniversario | Compromiso coa información rigorosa

“Ese sacrificio en ocasións da vosa vida persoal en favor da profesional é digno do maior dos recoñecementos”
25 Aniversario | Compromiso coa información rigorosa

Moitos parabéns a todo o equipo de Diario de Ferrol neste vixésimo quinto aniversario do xornal. Grazas por estes vinte e cinco anos de compromiso coa información rigorosa e libre, ofrecéndonos a actualidade das nosas comarcas e tamén de ámbito autonómico, nacional e internacional. 


Alcanzar as vodas de prata é sen dúbida unha gran noticia para un xornal que naceu na rúa Galiano e con nova sede na rúa Dolores. É, en definitiva, un motivo de celebración e satisfacción para esta comarca na que vos vimos nacer e medrar, situándovos nun mercado nada sinxelo e manténdovos firmes a pesar das dificultades que en certos momentos asolaron o sector.


Sodes un grande equipo de profesionais que soubestes colocar, con grande acerto e profesionalidade en todo este tempo, dende o ano 1999 ata hoxe, ao Diario de Ferrol entre os xornais de referencia para moitas e moitos lectores, entre os que me inclúo. Adaptástesvos aos novos tempos co fin de ofrecernos a información a través das múltiples canles que se foron creando. E todo isto non sería posible sen a vosa total entrega e dedicación ao xornalismo. 


Desenvolvedes un servizo público esencial con grande esforzo, compromiso e responsabilidade. A intensidade coa que vivides o voso traballo, ese sacrificio en ocasións da vosa vida persoal en favor da profesional, son dignos do maior dos recoñecementos. Todas e todos vós podedes estar moi orgullosos do traballo que realizades cada día. Un traballo do que tamén nos sentimos moi orgullosos dende o Concello de Narón.


Deséxovos de corazón que poidades celebrar outros 25 anos e os que veñan. Continuade traballando como vides facendo porque ninguén mellor que todas  e todos vós, o equipo de Diario de Ferrol, sabe as claves do éxito para poder celebrar este 25 aniversario. Estou plenamente convencida de que con profesionais coma vós o éxito seguirá acompañándovos. 

 

Marián Ferreiro Díaz é alcaldesa de Narón

25 Aniversario | Compromiso coa información rigorosa
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar