25 Aniversario | Diario de Ferrol, o máis novo herdeiro dunha tradición

“A prensa local albíscase como un piar fundamental na información do futuro, conectando á veciñanza coa súa realidade”
25 Aniversario | Diario de Ferrol, o máis novo herdeiro dunha tradición

Na prolífica historia da prensa ferrolá, Diario de Ferrol é o máis novo herdeiro dunha tradición na que figuran algunhas das máis importantes cabeceiras e sinaturas do xornalismo galego. Hoxe temos a satisfacción de festexar 25 anos de información comprometida e veraz sobre o que acontece na cidade de Ferrol e a súa comarca.


Diario de Ferrol naceu nun momento crítico para o modelo dos xornais, ás portas da encrucillada do papel e a pantalla. Este cuarto de século estivo marcado, primeiro, pola dixitalización e o xornalismo online e, xusto despois, pola irrupción das redes sociais, que hoxe inundan a comunicación a nivel global, convertidas nunha das principais canles de información, tamén para a difusión dos contidos dos medios de comunicación. Así, Diario de Ferrol tivo que adaptarse a unha nova realidade en constante evolución.


Mais a prensa escrita xera aínda con gran parte público unha conexión que non é comparable coa de calquera outra vía de información. As novas impresas representan para moitas persoas unha ponte non só figurada, senón física, tanxible, coa vida cultural, a política, os éxitos deportivos e as derrotas, o devir económico e a sociedade en xeral. De aí o valor de que medios coma Diario de Ferrol, ao tempo que navegan as augas dixitais, sigan saíndo á rúa en papel.


Nun contexto tan aberto e inmediato como é o actual en canto aos fluxos de información, cómpre elixir medios que traballan desde a lealdade e o compromiso coa cidadanía e coa súa terra, achegando confianza nun mundo asolagado polas noticias falsas. Por iso, a prensa local albíscase como un piar fundamental na información do futuro, conectando á veciñanza coa súa realidade máis próxima e sostendo un sentimento de pertenza e arraigo.


Neste caso, o grupo La Capital, ao que pertence o Diario de Ferrol, érguese como un símbolo deste tipo de xornalismo en Galicia, unha referencia que nos achega a todos os puntos da xeografía a través das súas ramificacións, facilitando o acceso ás novas que nos tocan máis de cerca.


É por todo iso indispensable trasladarlles a cada unha e cada un dos profesionais que fan posible Diario de Ferrol o recoñecemento da Deputación da Coruña. A todas, a todos, parabéns por 25 anos a pé de rúa, ao servizo da cidadanía, ofrecendo información de confianza, interese e calidade. 

 

Valentín González Formoso é presidente da Deputación da Coruña
 

25 Aniversario | Diario de Ferrol, o máis novo herdeiro dunha tradición
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar