25 Aniversario | Espíritu de resistencia

"DF foi un contrapunto alternativo, como respecto ao pluralismo político e á diversidade social e cultural da cidade”
25 Aniversario | Espíritu de resistencia

Para xulgarmos o papel dun medio de comunicación nos tempos que corren, debemos contemplar distintos aspectos que o condicionan e tamén, en boa maneira, fano inútil ou de proveito. Pode parecer paradoxal, porén é certo, que, nun contexto que se gaba de democrático, a case totalidade dos medios de comunicación pertencen ou están ao servizo de grupos socio-económicos e/ou ideolóxico-políticos oligárquicos. Por tanto, a información que ofrecen, non digamos xa a opinión, ten un nesgo inevitábel, consoante coa maior ou menor tolerancia que practica quen verbo dos discrepantes, isto é, co pluralismo político e social. 


Por outra parte, no mundo global occidental existe, contra o que se poida pensar, un control informativo abafante sobe o que está a acontecer a nivel internacional, dificultando así que a opinión pública se faga unha composición de lugar máis racional e ponderada sobre moitos conflitos. Na Galiza, a información recibida, en concreto a hexemónica, responde a unha óptica e criterio español que a nega ou a marxina. Esta grave deficiencia só é contrarrestada por esforzos comunicativos que poñen o foco na realidade circundante e miran o mundo desde a nosa perspectiva e necesidades. De ser así, o idioma galego aparecerá como instrumento vehicular.


Diario de Ferrol cumpre 25 anos de existencia. É unha traxectoria meritoria, de resistencia contra as inclemencias que fan moi dura a subsistencia da prensa escrita. Está en pé porque é unha necesidade sentida por unha cidade e comarca que desexa verse reflectida na súa dinámica social, cultural e política, porque as súas traballadoras e traballadores fixeron esforzos e sacrificios, en momentos delicados, para o proxecto non naufragar, e porque, seguramente, o propio grupo editorial que o controla, asume que é este tipo de información o que lle dá sostén social e económico á empresa. 


Fixen unha longa digresión xeral ao comezo. Non foi en balde. Con todo o relativismo que se quixer, en atención ás coordenadas do realmente existente, Diario de Ferrol, ao longo destes vinte e cinco anos, foi un contrapunto alternativo, como respecto ao pluralismo político e á diversidade social e cultural da cidade e da comarca. Que teña longa vida e que intente manter ese respecto, que o singularizou normalmente fronte a outros. 

 

Paco Rodríguez é escritor e historiador

25 Aniversario | Espíritu de resistencia
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar