25 aniversario | Por moitos anos

“Este xornal, o Diario de Ferrol, cumpre este ano o seu 25 aniversario. Unha efeméride que celebramos con alegría pola súa permanencia e tamén coa emoción que nos trae a lembranza dos seus comezos”
25 aniversario | Por moitos anos

A aparición dun xornal é un acontecemento colectivo, pois non só atinxe ao conxunto dos seus traballadores, senón á toda a sociedade á que se busca informar. Máis aínda se se trata dun medio de comunicación centrado nunha área xeográfica, xa que é a propia poboación quen a miúdo xera as noticias. Este é o caso do Diario de Ferrol que cumpre este ano o seu 25 aniversario. Unha efeméride que celebramos con alegría pola súa permanencia e tamén coa emoción que nos trae a lembranza dos seus comezos.


Na memoria de quen isto escribe hai un momento imborrable de ilusión compartida e de enerxía desbordante. O xornalista Germán (Man) Castro , bo coñecedor da historia e da actualidade de Ferrolterra, convoca a un grupo de xente da cultura para nos informar de que pronto sairá á rúa unha nova cabeceira que el mesmo vai dirixir. Man ofrécenos as súas páxinas para as colaboracións que queiramos achegar.

 
En efecto, o 2 de xuño de 1999 sae a primeira edición do Diario de Ferrol que se esgota axiña e o público ferrolterrán sente que xa pode mirarse nun espello menos esvaído e afastado do seu devir. Non en balde, a cidade e a súa contorna anímanse coa presenza dos e das xornalistas que traen ao papel os asuntos, as historias e as personaxes que conforman a paisaxe social, política e humana da comarca. Hai, por tanto, algo familiar nesta maneira de exercer o xornalismo e, asemade, de descuberta e recoñecemento do propio.

 

Xa que logo, e malia as crises de diferente índole vividas polo xornal, semella obrigado celebrarmos os 25 anos do Diario de Ferrol. Agradecemos así a súa entrega a todos os traballadores e traballadoras que o fixeron posible ao longo destes anos. Elas e eles foron e son as voces que escriben a nosa pequena gran historia, esa tea á que non lle faltan buracos, mais sobre a que nos erguemos cada día.


Por outra parte, permítaseme no persoal relatar un feito que tería para min a máis feliz das consecuencias. Naqueles inicios, o coordenador do suplemento Nordesía, o xornalista Nicolás Vidal, chamoume para unha entrevista á que me acompañou miña irmá Emilia. Un encontro do que, tempo mediante, é froito o meu benquerido sobriño Paulo. Casualidade e causalidade xuntas, grazas ao Diario de Ferrol.


En definitiva, o noso desexo é que a última hora desta edición conmemorativa, sexa que continúa outros 25 anos a prol desa comunicación que constrúe comunidade, dando conta da flor e da espiña de cada xornada. Ad multos annos. 

 

Eva Veiga é escritora e xornalista

25 aniversario | Por moitos anos
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar