25 Aniversario | Nordesía: cinco anos defendendo o patrimonio

"Non imaxinei naquel marzo de 2004 que a relación con Nordesía manteríase ata setembro de 2009 sumando 260 traballos"
25 Aniversario | Nordesía: cinco anos defendendo o patrimonio

Vía o ano 2004 cando por suxestión de Nicolás Vidal ofreceume Man Castro colaborar semanalmente no dominical Nordesía; participación relacionada co patrimonio da cidade e arredores, non sempre coñecido ou recoñecido pola maioría. Pensei que non era cousa de repetir o publicado ata entón nin enlearme con textos de corte académico, senón achegarme aos lectores nun ton cercano e coloquial. Tamén as imaxes deberían ser atractivas, ben pola súa antigüidade, ben polo novidoso das mesmas. E todo isto sen esquecer a defensa do patrimonio e, de ser o caso, a crítica ás institucións que o deixaban esmorecer ante os nosos ollos. 

 

Mario (Valdivieso) estivo sempre á miña beira, aportando fondos do seu arquivo e animándome na andaina. O que non imaxinei naquel marzo de 2004 foi que a relación con Nordesía manteríase ata setembro de 2009 sumando douscentos setenta traballos. Textos que me fixeron compaña namentres fun transitando lugares aos que me levou a miña profesión; primeiramente Santiago, despois dous anos na Universidade Fernando Pessoa, en Porto. Posteriormente, exercendo a docencia en Lugo. No 2009, Fernando Bores ofreceume publicar unha parte das colaboracións na Colección Soláster, editada pola Sociedade de Cultura Valle Inclán. Aceptei encantada e deixei para a memoria setenta artigos no libro Ferrol. Patrimonio e Sociedade.


Houbo algunhas anécdotas naqueles cinco anos. Lembro o meu empeño en coñecer o paradoiro do que popularmente os ferroláns chamaban “O cabezón”; peza de gran formato retirada do grupo escultórico dedicado a Camilo Alonso Vega, situado en Caranza. Escribín o artigo, acompañado dun par de fotos antigas do monumento, e púxenme en contacto co seu escultor, Nassio Bayarri, quen telefonicamente referíume os delirantes sucesos que tiveron lugar arredor daquel proxecto. Por certo, bastantes anos máis tarde empeñeime en levar esa peza ao espazo que lle correspondía: o almacén do Centro Torrente Ballester. Feito que deu lugar a unha algarada mediática e seudopolítica que pouco o nada tiña ver coa Lei de Memoria Histórica. Outra anécdota para sumar.


Lembro tamén a censura que dende a Dirección do Diario se lle fixo a unha das colaboracións. Andaría o ano 2007 e no artigo criticaba o proxecto de rehabilitación da futura Fundación Caixa Galicia, no Cantón: “Unha intervención grave, que desvirtúa por completo a singularidade, a antigüidade e a importancia deste edificio, obtendo un resultado final de carcasa histórica con interior de deseño. Unha sede que ben podería ter estado en calquera outro lugar, nun edificio actual; pero que incide na política desta entidade (Caixa Galicia) no senso de utilizar arquitecturas históricas como contedores de actividades culturais, facendo prevalecer a función sobre a carga histórica da construcción anterior”. Non se publicou; e novamente sorrío cando penso nestes episodios. 
 

Rosa Méndez é historiadora

25 Aniversario | Nordesía: cinco anos defendendo o patrimonio
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar