Veño dun tempo, e dunha familia, no que a lectura da prensa era trámite obrigado antes de saír á rúa. Tamén ao voltar polo serán ao baluarte caseiro. Tempos. Tempos que me fixeron o que agora son, algo, alguén, supoño, non sei, pero fidelísimo a “Diario de Ferrol”. Tempos, descoñezo se mellores, mais outra cousa tan distinta a hoxe. Días e aínda anos nos que as redes, onde todos escriben, un dicir, agachados tantas veces baixo do que chaman “nicknames”, ocupan o lugar que tiña de ser, en puridade, do xornal en papel. E así nos vai.
Chegaba “Diario de Ferrol”, logo so da batuta de directores varios, da man de Xermán Castro Tomé, meu mestre, meu mentor, a quen tanto debo, encher un baleiro. Que non pode ser da competencia xeneralista, cunhas páxinas “locais” (para entendermos). Non, “Diario de Ferrol”, e que non perda ese compás, que nunca perda o compás, nacera para Ferrol e zona de influencia. Eis o sentido que lle corresponde. O demais, gañas de marear.
Levo neste xornal, que amo con intensidade, por riba de calquera consideración, cun amor tribal, porque un é de onde é e o demais son contos, vinte e tres anos. Entre 2002 e 2012, cunha columna diaria, recollida en escolma, por Edicións Embora, nun libro chamado “Miudiño”. E aquí debo loar o traballo tenso e intenso de Cisco Rodríguez e Miguel Toval, non sei se tan recoñecido como sería cabal e xusto e merecido.
Mais Ferroliño, xa se sabe, fai e desfai nun laio continuo. E eu quixera, e ceibo o meu prego laico para que tal aconteza, que a nosa cidade e bisbarra sexan quen de apoiar un medio tan opíparo, tan traballado por esta redacción, laboriosa e sacrificada, agora na rúa Dolores, onde tan ben me sinto cada vez que paseo polas miñas orixes.
Que nunca esquecín por máis que bula dun lado para outro, atento así e todo a canto se coza ou goberne nese núcleo urbano que nomina un xornal, que cumpre vinte e cinco anos, contra dos paxaros de mal agoiro que lle pronosticaban unha morte rápida a esta ave de altanería que aí segue e segue. E seguirá, porque a prensa do futuro, non canso de repetilo, con excepción dos xornais universalistas, será local ou non será.
Vinte e cinco anos de vida, nos que fun transmitindo moito de min, arroupado por Man Castro, xa o dixen, mais tamén por cantos foron e son a clave desta trabe mestra que nos fala de nós. Na que eu aportei a madeira, a pasada, a presente, que me axuda a termar de min mesmo. Este nachiño que aínda botara uns anos escribindo a máquina, “Olivetti 40 Lettera”, e mandando os artigos por fax.
Obrigadiño a quen debía “picalos”. Obrigadiño aos que seguen a manter viva esta chama diaria que tanto me alcende e me da vida. Si, de súpeto púxenme místico. É que hai moito de lume sacro neste labourar arreo dos que fan “Diario de Ferrol”. Benzón para todos vós. Ou Deus volo pague, churrusqueiros.
Vicente Araguas é escritor e colabora no Nordesía