25 Aniversario | Unha vida de servizo

“Diario de Ferrol ten motivos para estar agradecido por estes 25 anos traballando a diario por ser fieis á vocación de informar para a que naceu este xornal"
25 Aniversario | Unha vida de servizo

Un aniversario é un momento importante para calquera institución. É unha oportunidade para botar a vista atrás, con morriña, pero tamén con orgullo e agradecemento por todo o conseguido; para reflexionar sobre o presente, e como se está levando a cabo o labor para o que foi fundada esa institución; e para ilusionarse co futuro, e con todos os retos que veñen por diante.


No caso do Diario de Ferrol, son moitos os motivos para estar agradecido e mirar con satisfacción todo o que se alcanzou. Vinte e cinco anos traballando día a día por ser fieis á vocación de informar para a que naceu este xornal.


Porque se o labor dun xornalista é fundamental para toda a sociedade, atreveríame a dicir que ten unha especial relevancia a que exerce aquel que se dedica ao xornalismo local. Aquel reporteiro, fotógrafo ou redactor que se dedica a informar do que ocorre nos barrios da súa cidade, nas prazas da súa vila, en cada rúa compartida cos seus veciños, está a traballar precisamente onde máis de preto toca a cada cidadán. Está a falarlle do que palpa cada día, do que máis lle afecta. Desta forma, axúdalle a construír a súa vida e a súa rutina dunha maneira moito máis acorde ao que lle rodea.


Nun mundo tan globalizado, no que nos decatamos ao momento do que ocorre na outra punta do planeta, é máis necesario que nunca un xornalismo local de calidade. Profesionais da comunicación que aposten por falar das circunstancias e problemas máis próximos con honestidade, valentía e rigorosidade. Honestidade, para querer entrar ao que verdadeiramente é noticia. Para falar do que lle importa á xente buscando a verdade, e non maquillando a realidade en función doutros intereses.


Unha valentía necesaria para ir ao fondo das cuestións. Para descubrir eses sucesos que só descobren os xornalistas, e que moitas veces non ten o recoñecemento necesario por parte da sociedade. E unha rigorosidade coa que se combata a moda do ‘clickbait’ e das noticias falsas. Ante a tentación do sensacionalismo, hoxe é máis necesario que nunca un xornalismo que poña en primeiro lugar ao lector, que non o utilice como un simple usuario, e o informe con lealdade.


Todo isto caracteriza o labor desenvolvido por Diario de Ferrol nesta terra. Unha comarca enteira que chegou ao século XXI coa sorte de ter un xornal que se preocupase dela, da súa xente, do seu benestar. Coa sorte de contar cunha serie de profesionais que comprenden que, para poder atender os problemas globais, é necesario mirar antes os que tes máis preto.


Desde aquel primeiro mércores de xuño de 1999, no que o Diario de Ferrol botou a andar, pasaron xa vinte e cinco anos. Suficientes para contar xa todo tipo de circunstancias que foron afectando á vida de cada ferrolán. Vinte e cinco anos despois, segue facéndoo coa mesma misión de informar, de servir. Por todo iso, moitas grazas. 

 

Alfonso Rueda Valenzuela es presidente de la Xunta de Galicia

25 Aniversario | Unha vida de servizo
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar