25 anos facendo historia

Julia Díaz Sixto, periodista y presidenta del Club de Prensa de Ferrol, escribe por el 25 aniversario de Diario de Ferrol
25 anos facendo historia

Dezaoito anos despois de que Ferrol perdera a cabeceira xornalística que durante doce anos (1969-1981) exercera Ferrol Diario, fomos convocados o 1 de xuño de 1999 na Feira de Mostras de Ferrol por Juan Ramón Díaz, director xeral do Grupo “La Capital “ da Coruña e por Germán Castro Tomé, para asistir á presentación dun novo xornal que, nunha intelixente reviravolta, poñía novamente á nosa cidade de cabeceira baixo o nome de Diario de Ferrol.


Toda unha declaración de principios para a cidadanía de Ferrol e das comarcas do Eume e Ortegal, destinataria principal das prioridades informativas do flamante equipo xornalístico que dirixido por Man Castro, botábase a camiñar, ao acubillo da editorial coruñesa, con clara e demostrada vocación local que se percibía e manifestaba no sentir alegre e ilusionado das preto de vinte persoas que o integraban.


Foi un día para a historia do que estamos a celebrar con maiúsculas o 25 Aniversario. Un día para a historia do xornalismo ferrolán, e para corroborar a importancia e a necesidade social e comunitaria de contar cunha cabeceira xornalística local. Un deses días nos que os medios locais teñen que “estar“ para cumprir a súa función de informar e do seu deber de exercer de “mediador social”. Estoume a referir aos graves “Enfrentamientos entre percebeiros y policías”, como recollía a primeira páxina do Diario de Ferrol ao día seguinte, e que desde a proximidade e coñecemento do oficio dos seus redactores puxo de manifesto unha das moitas e variadas funcións do xornalismo como é o de conformar e vertebrar o sentimento de comunidade e de pertenza a un colectivo social que ten quen o escoite, para situalo na “axenda política”, como quedou reflexado pouco despois nas súas páxinas, xunto a outras novas que marcaban un antes e despois da súa existencia.


Unha clara aposta pola comunidade á que estaba dirixido, cunha ollada comprometida e intelixente sobre as diferentes áreas da súa actividade económica, destacando naqueles momentos o efecto dinamizador que tiña a industria no desenrolo local e comarcal da que deixaron mostra os compoñentes do equipo fundacional. Un extraordinario e destacado equipo do que gardo, e coido gardamos moitos, memoria pola foto de todos eles tomada no día da presentación na Feira de Mostras, e tamén pola súa animosa presencia nas diversas galas anuais que con grande asistencia de público o xornal viña celebrando. Etapas de aconteceres varios, de destacada presencia informativa e emocional, como o ascenso do Rácing de Ferrol á 2 ª división no ano 2000, ou a inauguración do Porto Exterior en 2007, e mesmo coa creación do “Museo Xornalismus”. 

 

Pero tamén houbo quebrantos, e a grave crise económica de 2008 que afectou moi seriamente ás empresas, o comercio e aos medios de comunicación en xeral, ou a pandemia da Covid19 e as súas terribles consecuencias que tamén afectaron negativamente aos medios de comunicación tradicionais e incrementando o interese doas lectores pola prensa dixital, non puideron co Diario de Ferrol, que afortalado pola súa última posta ao día da edición dixital, está chegando a todos nos cun anovado entusiasmo do seu equipo que baixo a experta dirección da xornalista pertencente ao equipo fundacional Cristina Rodríguez Calvo estanos a brindar unha nova e prometedora etapa do noso Diario de Ferrol.

25 anos facendo historia
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar