A Agrupación Instrutiva de Caamouco: da educación á oferta sociocultural en Ares

O San Vicente celebrouse nesta derradeira fin de semana de xaneiro, inaugurando o ano do 110 aniversario
A Agrupación Instrutiva de Caamouco: da educación á oferta sociocultural en Ares
O edificio estreouse en 1915 como escola, a finalidade coa que se orixinou | JORGE MEIS

As instalacións da Agrupación Instrutiva de Caamouco cumpren 110 anos dende a súa inauguración neste 2025, un centro onde onte se puxo fin ás festas patronais do San Vicente. O aniversario deste símbolo arquitectónico trae ao recordo o percorrido realizado pola asociación, dende aqueles veciños fundadores, emigrados a Cuba, que posibilitaron a educación dos pequenos da parroquia até converterse na actualidade nun dos eixes de dinamización sociocultural máis activos da comarca.


O lugar da Tenencia, no concello de Ares, conta cunha asociación cultural con máis de 400 socios, dos que cada un pode abarcar a un titular e varios beneficiarios, polo que aproximadamente “podemos mover unha masa social de máis de 1.000 persoas que están implicadas activamente na Agrupación”, concreta Dani García, presidente da entidade dende 2019.


A festividade de San Vicente en Caamouco, que se celebrou durante a pasada fin de semana nas súas instalacións,  tal como se realiza anualmente, desenmárcase do habitual estilo propio das verbenas. Así pois, o sábado ofreceron a exitosa noite de Callos&Rock, na que actuou a banda ferrolá Cranio, totalmente de balde, movilizando a numerosos seguidores da comarca, segundo indica o responsable.


Con esta proposta, na que repartiron 200 tapas de callos, tratan de atraer á Agrupación a públicos que non se terían achegado á mesma de non ser por este concerto de heavy metal, ao que lles ofreceron “un lugar onde gozar este tipo de música nun ambiente festivo como poden ser unhas festas patronais”. Ademais, onte culminouse a celebración cun evento dirixido aos pequenos, que puideron deleitarse cunha chocolatada.


Historia 

Esta entidade foi fundada na Habana no 1911 por inmigrantes procedentes de Redes e Caamouco, co obxectivo de “crear unha escola de calidade”, segundo relata García, xa que das que dispoñían os seus fillos até o momento eran precarias e pouco accesíbeis. Para emprender o proxecto, seguiron o exemplo da “sociedade decana deste tipo de centros instrutivos”, a Alianza Aresana, que nacera sete anos antes.


Do mesmo xeito, a orixe da Agrupación tamén tivo un “compoñente práctico” ao perseguir que os pequenos “estivesen mellor preparados de cara ás seguintes remesas de emigrantes”, de xeito que puidesen aspirar a mellores postos no extranxeiro. “Entre a fundación da asociación e o momento de apertura da escola, hai que construír o edificio”, explica o directivo, un proceso que concluíu en 1915, iniciando a actividade educativa con arredor de 150 nenos e nenas.


Na década de 1980, a Agrupación Instrutiva seguía funcionando como centro de ensino, un papel que xa se ía compatibilizando coa oferta cultural, que remataría por ser o uso principal do inmoble a partir de 2008, cando pecha a escola unitaria polo escaso número de alumnado.


Oferta cultural

Así, no momento no que se abandona a dimensión “instrutiva”, a organización involúcrase por completo na proposta, en constante crecemento, de actividades de dinamización sociocultural. Actualmente existe unha programación fixa, á que van incorporando novidades, entre a que destacan os 17 cursos anuais que se realizan de outubro a xuño.


“É o motor principal da Agrupación porque implica a moitísima xente”, declara Dani García, exemplificando especialidades como a cestería, restauracion de mobles, encaixe, diversas disciplinas de actividade física ou educación canina. Para acoller estes cursos, nos que participan entre 200 e 250 persoas, as instalacións abren todos os días de luns a sábado, impartindo un total de 50 horas semanais.


A esta programación de obradoiros súmanse outras propostas fixas, como poden ser as celebracións populares do Entroido, as Letras Galegas ou o Magosto e Samaín. Do mesmo xeito, contan con outras iniciativas anuais de carácter máis propio, como os concertos do ciclo “Lume no Castelo” ou a Festa da Cabria, que organiza a Agrupación Instrutiva de Caamouco no porto de Redes co obxectivo de recuperar as tradicións mariñeiras.


Aínda así, incluso os programas fixos están suxeitos á innovación, como é o caso das actividades culturais que se veñen desenvolvendo nos últimos anos baixo o nome de “Camiños de Arte”, que consisten en excursións a museos ou concertos, entre outros. Cun sistema semellante incorporouse máis recentemente “Espazos singulares”, que leva aos participantes de visita por distintos lugares de interese próximos, “reivindicando todo o que temos arredor de Caamouco, na nosa comarca”, manifestou Dani García.


Desafíos

Como asociación cultural que antes era unha escola, o presidente sinala que o principal reto é conseguir que os máis pequenos se sintan emocionalmente ligados á Agrupación. Este responsable é un dos exemplos de alumnos que estudaron neste espazo, orixinando “un vínculo xa dende que era pequeniño con este edificio e co que implicaba”. Así pois, un dos obxectivos, que “creo que máis ou menos o estamos conseguindo”, é que os pais e nais leven aos seus fillos ás actividades dirixidas a eles e así promover ese apego pola entidade.


Trátase dun desafío aínda maior tendo en conta a cantidade de rapaces da contorna, xa que “hai uns anos tivemos un ‘baby boom’ e agora eses nenos xa son mozos”, continúa García, consciente de que as medias de idade van cambiando por etapas.


O segundo reto sinalado ten relación coa titularidade privada do edificio, que “por suposto, temos aberto a todo o mundo pero a propiedade segue sendo da Agrupación”. Estas instalacións, que xa pasan de centenarias, requiren “adaptalo ao século XXI” para que sexa cómodo e accesible, aínda que “mantendo a esencia”.


Por este motivo, anualmente “redactamos un plan de obras e melloras”, co esforzo e custe que supón. Despois de catro anos dende que comezara a rehabilitación do salón de actos, que contou cunha parte de financiación da Deputación, no mes de outubro inaugurouse cun primeiro concerto do aresán Geno Fernández. Así mesmo, neste 2025 está prevista a reforma doutra das  salas, onde se desenvolven a maioría dos obradoiros.

 

Memoria local

O presidente de honra da asociación, Ernesto López Naveiras, coordina a Revista Cultural de Estudos Locais A Tenencia, un traballo colaborativo que vai mudando tanto de temáticas como de autores. Esta publicación constitúe “un gran depositario de información e de datos da historia da nosa parroquia e tamén do concello de Ares”, valora Dani García.


Este membro da directiva celebrou a nova de ter xa preparado o número 9, que verá a luz nas seguintes semanas, e achegou un exemplo dun dos artigos que inclúe. Trátase dun texto que fala das casas modernistas, pero  indo un paso máis alá do acostumado ao conseguir entrar nas propiedades para a divulgación.


Ademais, o presidente realizou un chamamento para lembrar que toda persoa que estea interesada na investigación, na recuperación da historia do ámbito máis próximo e o seu mantemento con vida, “sempre terán as páxinas da Revista da Tenencia á súa disposición”. 

A Agrupación Instrutiva de Caamouco: da educación á oferta sociocultural en Ares

Te puede interesar