O programa de formacións deste ano que organiza a Agrupación Instrutiva de Caamouco acada as 17 tipoloxías, que abarcan dende as máis diversas artes, pasando por temas específicos como a educación canina, até chegar a certas clases de deportes. As incricións puxéronse a disposición onte e permanecerán abertas durante todo o mes de setembro.
A Agrupación Instrutiva de Caamouco continúa no seu obxectivo de dinamización do lecer e da cultura no centro social da Tenencia, no concello de Ares, coa oferta dun total de 44 horas semananais de actividades fixas. Estas desenvolveranse de luns a sábado, en distintos horarios de mañá e tarde, que se concretan na web da entidade, así como as contías a achegar.
Este curso 2024-2025 continúan as clases de cestería, dirixida por Luisa da Silva; teatro, por Eugenia Sanmartín; encaixe, por Clara Leira; restauración, por Emilia Pardo; pandeireta e canto, por Icía Sanmartín; pilates, por Noela de Luxán e costura, por Mery Guerrero.
Do mesmo xeito, mantéñense os obradoiros de gaita, con Miguel Carballeira; costura creativa, de novo con Mery Guerrero; pintura, con Lola Fernández; educación canina, con Fran Anido; ioga, con Emilio Cudilleiro; froiticultura, con Alberto Varela e ximnasia de mantemento. Neste último caso, así comopara o curso de xadrez, os interesados en inscribirse ou recibir máis información deberán dirixirse ao Concello de Ares.
A partir do mes de novembro, que é cando comezará o obradoiro de froiticultura, estrearanse as actividades dos sábados. En canto ás outras novidades, bailoterapia e alemán, trátase de dúas formacións dirixidas polas mestras Inés Rodríguez e María Dolores Ayala, respectivamente. O prazo para inscribirse nas actividades estará aberto até o vindeiro luns 30 deste mes e os interesados poderán formalizar a reserva chamando ao número 616 740 205 ou enviando un correo electrónico a atenencia@caamouco.net.