Os mozos e mozas de entre 8 e 18 anos, que estean empadroados no concello ou matriculados no CPI As Mirandas, poden optar a un dos premios que entregará o “VIII Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares”, que neste mesmo luns abre o prazo de presentación de imaxes, até o 31 de outubro ás 20.00 horas.
Os participantes terán a posibilidade de sumarse ao calendario municipal de 2025, no caso de quedar entre os tres gañadores; conseguir unha tablet ou cámara de fotos, só para o primeiro premio, así como un lote de libros, para o segundo e terceiro posto. Estes candidatos dividiranse nas categorías A, de 8 a 12 anos, e B, de 13 a 18 anos.
Entregaranse un máximo de dúas fotografías en formato JPEG ou JPG, que deberán capturar espazos, lugares, obxectos ou situacións da súa contorna, ao enderezo concursodefotografia@concellodeares.com. O asunto do correo, que terá que incluír os formularios dispoñibles na web municipal, será o nome do certame. Para obter máis información, pódense consultar dúbidas na OMIX ou no 981 448 057.