A concelleira de Industria e Emprego das Pontes, Ana Pena, participou onte na entrega de diplomas ao alumnado que completou as accións formativas do Programa Integrado de Emprego desenvolvidas durante o período estival. Entre estas atópanse un curso sobre xestión loxística, con prácticas non laborais en empresas locais, tales como Arprosa, Servicio Movil, Carlin, Delagro, Severiano agrocomercial e Arteixo Telecom, e un curso sobre limpeza industrial que incluía realización de prácticas non laborais na empresa local Ecovapor, que acolleu ó alumnado desta formación.
Tamén se fixo entrega dos diplomas do curso de operacións con ponte grúa, do curso de operacións de son e iluminación no sector audiovisual e de operacións con carretilla e plataforma elevadora.
O Concello das Pontes continúa coas accións formativas do Programa Integrado de Emprego, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e Servicio Público de Empleo Estatal e que conta coa colaboración dos Concellos da Capela e As Somozas. Estas teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes no programa.
Durante a primeira semana de setembro púxose en marcha o curso de “Auxiliar de produtos frescos” que inclúe prácticas non laborais en empresas a través das que adquirirán coñecementos sobre carnicería, chacinería e peixaría. Por outra banda, o 26 de setembro terá lugar a última sesión grupal de orientación laboral adicada ao Emprego Público na que o alumnado recibirá información sobre o acceso aos procesos de selección das administracións e máis concretamente, aos da administración local, tipos de empregados públicos, tipos de procesos etc.
Ademáis, tamén a finais deste mes dará comezo a formación de PRL (cunha duración de 60 horas) dirixida a un total de 30 persoas que obterán esta acreditacion transversal que aporta valor engadido aos seus currículos.
A formación non remata este mes senón que sigue adiante en outubro, co curso de “Auxiliar de servizos: control de accesos” que permitirá ao alumnado conseguir a acreditación da Xunta de Galicia habilitante para o exercicio de ditas funcións.
O Programa Integrado de Emprego rematará o día 25 de outubro cunha Xornada de Motivación emprendedora e que inclúe unha visita á incubadora de empresas de Seara, unha charla-coloquio con algún emprendedor local e a visita á súa empresa