Das ovellas ás mans: un encontro coa tradición en Lavandeira

Das ovellas ás mans: un encontro coa tradición en Lavandeira
O fiado artesanal experimentou un rexurdimento nos últimos tempos I Emilio Cortizas

A Asociación de Mulleres Cabanas Rural celebra esta fin de semana unha nova edición das xornadas dedicadas ao fiado artesanal. Durante dous días –este domingo continuará entre as dez da mañá e as dúas da tarde–, esta iniciativa reúne a persoas apaixonadas pola tradición para aprender e compartir coñecementos sobre un oficio antigo que segue a cautivar na actualidade pola súa conexión coa natureza e o traballo artesanal


“Están indo bastante ben, como case todos os anos. Temos tres persoas que están aprendendo e somos unhas oito ou nove, contando as fiandeiras da asociación”, explica Mari Rodeiro, vicepresidenta da entidade, quen detalla como as novas aprendices van adquirindo destrezas nas diferentes fases do proceso.


O fiado comeza coa limpeza da lá. “Nós lavamos en auga fría, de forma natural, e botámoslle suavizante. Logo sécase e escarpízase para abrir as fibras e facilitar o cardado”, expón, engadindo que “é algo parecido a peitear a un can”. Estes dous últimos pasos, apunta, son esenciais para preparar as fibras para formar o fío. Porén, un só fío sería fráxil, polo que se combinan, polo menos dous, para garantir a súa resistencia.
Con moita dedicación e paciencia, este traballo manual converte a lá –procedente únicamente de ovellas galegas– nun material apto para tecer todo tipo de prendas.

 

Máis alá da lá

A asociación tamén emprega outras fibras diferentes e que pasan polo mesmo proceso, ampliando as posibilidades creativas e funcionais. “Agora mesmo temos calcetíns e un chal feitos con pelo de can”, apunta. Estes materiais, aínda que menos comúns, xeran grande interese polas súas características únicas e a súa versatilidade.

 

IX Encontro de Fiandeiras en Lavandeira Emilio Cortizas
 Emilio Cortizas


Malia que a pandemia detivo temporalmente as actividades da asociación, Rodeiro sostén que a práctica do fiado artesanal experimentou un rexurdimento grazas ao crecente interese polos productos de procedencia natural. Ademais, hai quen aprende este oficio artesanal non só para tecer prendas, senón tamén para alcanzar fins máis modernos como o illamento térmico de vivendas.


O uso de fibras naturais está en auxe e a xente quere aprender. Hai uns anos tivemos un rapaz que se quería instruír para encher un plumífero ao que lle quitara as plumas”, comenta a portavoz da asociación.
Ademais de prendas como xerseis, bufandas e calcetíns, tamén fabrican alfombras ou feltro, aproveitando deste xeito, tamén, a lá de menor calidade.

 

Colaboración local

Estas xornadas, que acadaron nesta fin de semana a súa novena edición, contan co apoio do Concello de Cabanas e a colaboración de Do Acibreiro, única marca en España rexistrada para fabricar ferramentas de fiado.  Desde fusos e cardadoras ata máquinas de fiar, esta empresa da localidade subministra os materiais necesarios para manter viva a tradición.

 

 

 

 


A iniciativa que culmina hoxe forma parte dun calendario máis amplo de actividades organizadas pola asociación, que inclúe obradoiros escolares, visitas a residencias de persoas maiores ou outras propostas tradicionais como a esfolla. Tamén concursos de postres ou obradoiros temáticos como o que preparan con motivo do Día das Letras Galegas.


Todas estas propostas serven para reivindicar a relevancia do tradicional, nun mundo onde as fibras naturais e as técnicas sostibles están a gañar terreo.


Con elas, a Asociación de Mulleres Cabanas Rural amosa cada ano o seu compromiso coa tradición, pero tamén coa innovación, mantendo viva entre a sociedade unha arte que cose pasado e futuro en cada fío. 

Das ovellas ás mans: un encontro coa tradición en Lavandeira

Te puede interesar