O dramaturgo cedeirés Carlos Labraña ten dobre premio co Manuel María e Barriga Verde

“O carteiro de Ximaraos” e “O Faro” son as dúas obras teatrais que foron galardoadas
O dramaturgo cedeirés Carlos Labraña ten dobre premio co Manuel María e Barriga Verde
O autor xa gañou, ademais doutros, un destes galardóns nunha convocatoria anterior | CEDIDA

Entre as distintas modalidades dos tres premios de literatura dramática que convoca a Xunta de Galicia bienalmente, o cedeirés Carlos Labraña destacou este ano por obter dous recoñecementos. As obras polas que obtivo o galardón son “O carteiro de Ximaraos", no XIII Manuel María,  e “O Faro”, no XVI Barriga Verde.


Esta é a segunda ocasión na que o autor consegue un destes premios, xa que o cedeirés recibiu en 2016 o Manuel María para textos de teatro por “O valo”. Esta vez, volve facerse co mesmo de literatura dramática infantil, ademais do Barriga Verde de monicreques para adultos. O xurado deste ano estivo formado por Mariana Fernández, como presidenta, así como por Fernando Castro, Iván Fernández, Dani Salgado, Eva Mejuto e María Torres, como vogais.


Os premios contan cunha dotación de 6.000 euros cada un, nos que concorreron 18 candidaturas ao Manuel María e oito ao Barriga Verde. Ademais, as bases dan a posibilidade de publicar os textos seleccionados dentro das coleccións de literatura dramática de Edicións Xerais e Baía.


Carlos Labraña especializouse na dramaturxia para a infancia, un traballo polo que foi premiado co Xeración Nós, o Estornela ou O Facho. Nesta liña, participa en distintas asociacións para a promoción e difusión do teatro infantil galego, amais de dirixir a compañía Os Furabolos. As súas últimas creacións viran cara temas sociais e reivindicativos, como é o caso da nomeada “O Valo”, “Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada”, premio Gala do Libro 2017, ou “Mambrú volveu da guerra”, SGAE 2022.

 

Valoracións

“O carteiro de Ximaraos” destacou entre o xurado pola súa temática, a convivencia duns pequenos cun familiar doente, que se trata “dun xeito sensible, coidado e con profundidade”, ademais doutros como a memoria, a tradición ou o legado familiar. No caso de “O Faro”, é “unha mostra da potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal”, segundo a acta. 

O dramaturgo cedeirés Carlos Labraña ten dobre premio co Manuel María e Barriga Verde

Te puede interesar